Sexta-feira, 10 de Maio de 2013

VIII Xeira Románica. Noia medieval e mariñeira

O vindeiro venres 17 de maio -Día das Letras Galegas- vistaremos a Noia medieval e mariñeira.
Ás 11h citámonos diante do Instituto Virxe do Mar de Noia a carón da Alameda de Noia. Alí onde a Rúa Rosalía de Castro se xunta coa Rúa Galicia, non diredes que o lugar da cita non é acaído para ser o día que é. E precisamente por ser o día que é esta Xeira será moi especial: varios agasallos nos agardan na terra de Avilés de Taramancos.
A primeira visita da xornada será xa un deses agasallos que convén non perder -basicamente porque é un lugar que normalmente non está aberto ao público-. Entraremos aos xardíns do Pazo de Quinta Hermosa tamén coñecido como Pazo dos Varela Radío ou Pazo do Marqués. Non é que sexa un xardín medieval pero alí agóchase algunha peza que nos agradará moito ver. Sssssshhhhhh! non o contedes moito. Quedaremos en débeda cos actuais propietarios por ternos permitido a visita a este espazo privado. Polo espazo que imos visitar e o número de persoas que como límite nos demanda a familia propietaria do Pazo esta visita farémola en dúas quendas.

E de alí sairemos para ver unha colección de Laudas Gremiais Medievais como non hai outra. Dicímolo con un pouco de arruallo pero non acae mal nesta ocasión. Diante de nós Santa María a Nova.


Un verdadeiro "Víndeo ver á porta da vila!" que dirían por Noia.

Trala visita a Santa María a Nova virá o xantar e ao acabar de xantar iremos paseando ata o outro punto clave da visita:
O Pazo de Pena d´Ouro.
E diredes vós, qué lles pasa a estes d´O Sorriso de Daniel esta vez cos pazos que eles son máis de igrexas? Tedes razón pero o pazo de Pena de Ouro conserva un dos non moi abondosos claustros románicos galegos. A súa procedencia: o mosteiro de Toxosoutos. Foi vendido o claustro trala desamortización -esta vez non houbo expolio se non venda- e debemos facer constar aquí o noso agradecemento ao actual propietario polas facilidades ofrecidas para facer a visita.


Á volta visitaremos a igrexa de San Martiño con toda a súa beleza agardando por nós.

Para rematar a xornada voltaremos aos coches para nos desprazar moi pertiño de alí ata a igrexa de Santa Cristina de Barro saíndo xa cara a Serra de Outes e ao carón de onde se enlaza co corredor rápido que comunica Noia con Santiago de Compostela.


E xa estaremos listos para voltar ás nosas casas coas baterías ben cargadas.


Quén nos guiará?
Clodio González Pérez. Quén mellor?
Catro veces gañador do Premio Nacional de Xornalismo Artes e tradicións populares do Ministerio de Cultura. O Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega contan coa súa asidua colaboración. Publicou máis de 20 libros sobre temas etnográficos, biografías, estudos de arte e outras materias. Para nós, se cadra, unha das máis queridas das súas publicacións é "A igrexa e o cemiterio de Santa María a Nova de Noia", así como os traballos sobre as marcas de canteiros das igrexas do concello de Rois ou das Torres de Altamira cos que participou no Coloquio Internacional de Gliptografía.

Onde xantaremos?
No Restaurante O Forno de Noia na Rúa Mazacáñamos 13.
Se alguén non xanta co grupo debe avisar ao se inscribir.

Canto custa asistir a esta actividade?
17€ para os socios e 20€ para os non socios
O menú do xantar que vai incluido no prezo: entremeses ibéricos, paella de marisco e carne estofada. Pan, bebida, postre e café. Se alguén non pode xantar este menú é preciso que avise para ter previsto unha alternativa no restaurante.

Cómo me inscribo e cando?
Canto antes enviando un mail a osorrisodedaniel@gmail.com. Data límite mércores 15 de maio ás 16h.
Asunto do mail: Asistencia VIII Xeira Románica.
Contido da mensaxe: Nome e apelidos de cada unha das persoas que se inscriban na actividade, mail de contacto e móvil de contacto.
Veña ¡ánimo! que seguro que é menos complicado do que parece.

E xa está?
Agarda a que che confirmemos que hai prazas porque tendo en conta a asistencia ás últimas xeiras é posible que non haxa prazas para todos e todas. A inscripción irá por rigorosa quenda de recepción de mails así que é moito mellor inscribirse canto antes. Se non tendes transporte para chegar a Noia avisade porque se cadra dende onde vós veñades pode que alguén teña sitio no seu coche.

O Sorriso de Daniel quere facer constar o noso agradecemento tamén a Concha Allut do concello de Noia pola axuda prestada na organización da Xeira.

Os que veñades conducindo, vinde con xeito, xa sabedes que o Románico é para vivilo!

Domingo, 21 de Abril de 2013

Santo Estevo de Ribas de Sil. Primeiro paso.

Chegou o sábado 20 de abril. A convocatoria dicía que se as condicións metereolóxicas o permitisen ás 11h daría comezo a limpeza programada na zona da ábsida da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Costa abaixo todos os santos axudan e o sol saiu precioso. Naquela altura terían que caer chuzos de punta para que suspendesemos a xornada. 
Ás 10.30h chegaron á porta de Santo Estevo os primeiros tres socios d´O Sorriso. E alí estaba xa Adolfo, con media hora de antelación, e desbrozadora en man. Propietario dunha casa rural -A Casa da Eira- na Alberguería de Nogueira de Ramuín gústalle o románico e sabe ademais que son bastantes as familias que directamente viven del na Ribeira Sacra. Sobre todo sabe que aínda poden ser máis e que poden vivir mellor. Nini que ten tamén un establecemento hoteleiro en Castro Caldelas -Casa de Cima da Vila- opina o mesmo e baixa dende O Castro a botar unha man. Entenden a Ribeira Sacra como un todo e as fronteiras dos concellos impórtanlles pouco. 
Na recepción do Parador agardaba por nós unha chave: a que abre o candado da cancela que dá acceso á ábsida.Con 30 voluntarios os traballos comezaron, Adolfo abrindo paso ao longo da nave polo seu lado sur e Antonio na ábsida. Qué invento a desbrozadora! Nesta asociación xa non saberiamos vivir sen ela.
Antonio Moure traballando preto da ábsida

Maleza había moita. Plásticos, latas e botellas case tantos como maleza. 
Enchemos 2 contedores e medio de lixo deste tipo. Dos grandes de 660 Litros!
 Sobre os muros os que tiñan máis paciencia recortaban delicadamente a maleza que empezaba a subir.

Por detrás da desbrozadora traballaban todos e todas. Con sachos, con legoñas, con fouciños, con forcadas, con enciños, con tesouras de podar... Coas mans. E entre ¡penso que xa teño maniotas! ¡moito me doe o lombo ultimamente! ¡cámbiame o angazo que con este non me axeito! alguén recibe un whatsapp: "Ánimo! Uns científicos australianos din que reuniron probas que demostran que existe a Dirección Xeral de Patrimonio".

Pouco a pouco a ábsida vai quedando despexada.

E a zona da sacristía tamén

Pola tarde algo de teatro: a escena do balcón non era á inversa? Cómo cambiou o conto!

E Ana dende abaixo poñendo sentidiño no asunto: "Como Profesora de Prevención de Riscos Laborais desaconsello completamente estas prácticas".

Ah, e que saiban todos e todas que temos relevo xeracional! Non sexades incrédulos se non crentes!

Magnífica a Xornada de Traballo en Santo Estevo. 
Limpouse a contorna da ábsida, a maleza que estaba subindo polas paredes, a contorna da sacristía, o camiño de acceso, limpouse tamén un anaco da finca dos Taboada, que ademais de colaborar traballando cederon o terreo da súa finca para facer o depósito de toda a maleza, sacamos 2 contedores e medio de plásticos, latas e botellas, marcouse o rego para impedir que a auga que ven da finca traspase o camiño e vaia cara a igrexa, fixemos un desaugue para as pingueiras dos tellados da ábsida, marcamos cuns testigos e con cinta de balizar os tramos sobre os que irá o valado separador
Así o encontramos


Así o deixamos


 O martes 23 xuntanza co alcalde de Nogueira de Ramuín e co Director do Parador. 
O Segundo paso está en marcha e San Xurxo partirá unha lanza por nós!

O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

Sexta-feira, 12 de Abril de 2013

Sto Estevo de Ribas de Sil. Para que o románico non teña cancelas

Santo Estevo de Ribas de Sil ten unha das ábsidas máis singulares do románico galego.

Fotografía de Soledad Felloza para o Calendario Románico 2013

Entre esa ábsida e nós hai un obstáculo que nos impide a todos disfrutala.


Todo comeza na desamortización de Mendizábal. Sería longo contar a historia desa cancela. 
Entre esa cancela e nós hai algo persoal.

A asociación O Sorriso de Daniel decidiuse a falar con todas as partes implicadas
 e facer unha proposta:
Nós, primeiro limpamos e despois a porta ábrese.
Escoitáronnos na Diócese de Ourense, logo o Sr Cura de Santo Estevo de Ribas de Sil, logo o Director do Parador de Santo Estevo e logo a familia que é propietaria da finca.
Con todos eles nós adquirimos un compromiso: 
limpar a contorna da igrexa co fin de que os visitantes poidan este verán chegar ao pé dos muros. 
Farémolo en primeiro lugar porque 
as escorrentías de auga que baixan da finca están tupindo a canle de drenaxe que rodea a igrexa 
e tamén porque é imprescindible para facela visitable.
Nós daremos este primeiro paso para que 
se cumpra o soño de que a derradeira porta de Santo Estevo de Ribas de Sil quede aberta.






Anímaste a vir?

Quedamos o sábado 20 de abril ás 11h diante do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil 
(Nogueira de Ramuín, Ourense).

Se ves trae calzado para andar sobre terra  moi mollada e tamén algo como un sacho, un enciño, unha desbrozadora, unha gadaña, unha tesoura de podar... Luvas tampouco che virán mal para traballar sen que as estrugas te martiricen.
O xantar farase alí mesmo e cada un levará o seu.
Ah, e manda antes un mail a osorrisodedaniel@gmail.com para poder conectar contigo e organizarnos mellor.

Se non queres vir traballar pero queres aproveitar para pasar a ver a ábsida e queres tamén traernos unha palabra de alento serás moi ben recibido/a. Fai falla de todo.

O traballo non rematará o día 20 pero este é un primeiro paso para abrir unha cancela.
Se o tempo non permitise traballar ese día buscaremos unha nova data para facelo. 

Sexta-feira, 11 de Janeiro de 2013

Hai un calendario románico do 2013

O traballo que desenvolvemos en San Paio de Abeleda coa exposición Arriba San Paio de Abeleda (www.arribasanpaiodeabeleda.blogspot.com) fíxonos pensar que o calendario que editasemos do 2013 debía poñer o acento sobre este ruinoso espazo. Así o fixemos. Unha foto de San Paio abre cada unha das catro estacións do ano.
A nosa fotógrafa de cabeceira, Soledad Felloza, calzou as botas, colleu a cámara, agarrou o trípode e lanzouse a pescudar a Ribeira Sacra Ourensá.
Das fotografías que alí fixo entresacou as que levamos ao calendario.

A Sonia gústalle máis a que puxemos na portada: 
o retábulo pétreo de Santo Estevo de Ribas de Sil.


A Manuel e Antonio gústalles máis a que puxemos no mes de xaneiro: 
o interior de San Pedro de Rocas.

A Adrián, Carola e a Toñi gústalles máis a que puxemos no mes de febreiro: 
non se resistiron ao dramatismo da chuvia na porta norte de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.

A Xan gústalle máis a que puxemos no mes de marzo: 
un florido capitel do muro norte de San Paio de Abeleda.

A Ana e a Mercedes gústalles máis a que puxemos no mes de abril: 
unha libidinosa serea dun dos capiteis de Santa María de Chandrexa.

A Miguel, Elixio e a Tadeo gústalles máis a que puxemos no mes de maio: 
o magnífico claustro dos bispos de Santo Estevo de Ribas de Sil.

A María, Rosa e a Elisa gústalles máis a que puxemos no mes de xuño: 
un monstruoso chapitel de San Paio de Abeleda.

A Susana e a Xoán gústalles máis a que puxemos no mes de xullo: 
a insólita perspectiva da portada de San Salvador de Sobrado de Trives.

A Carme gústalle máis a que puxemos no mes de agosto: 
un detalle da portada de San Martiño de Nogueira de Ramuín no que se xuntan o sagrado e o profano.

Á outra Carme gústalle máis a que puxemos no mes de setembro: 
a ábsida de San Paio de Abeleda entre viñas. Eloxio da ruina.

A Consolación, Ignacio, Maite e a Ander gústalles máis a que puxemos no mes de outubro: 
A outoniza portada do Claustro de Santa Cristina de Ribas de Sil.



A Nuria, Yolanda, Luis e Rosamar gústalles máis a que puxemos no mes de novembro: 
A insólita ábsida de Santo Estevo de Ribas de Sil.

A Ana -a nova- gústalle máis a que puxemos no mes de decembro: 
Outro chapitel monstruoso do muro sur da igrexa de San Paio de Abeleda.

A Antonio, que cunha soa non podía quedar, que non lle deixa a súa relixión, gústalle máis a que puxemos na contraportada: 
os tellados da Catedral de Ourense. 

E para os que aínda non o tendes que saibades que podedes dar con el en:
A Coruña: as 3 librarías Couceiro (Ronda de Outeiro)
Santiago de Compostela: na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) e mais no Kiosko Artico (Rúa do Vilar 49).
Pontevedra: Papelería Ricarsa (Michelena 38)
Vigo: Librería "Lafer" (rúa Urzaiz nº184, Galerias Calvario), Librería "Cartabón" (rúa Urzaiz nº125), Librería "Libros" (rúa San Salvador nº2), Librería "Librouro" (rúa Eduardo Iglesias nº12), Librería "Universitaria Sur" (rúa HernánCortés nº7), Papelería "Lapicero" (rúa Velázquez Moreno nº49), Papelería "Ameva" (rúa Urzaiz nº145)
Ourense en Eixo (Cardenal Quevedo 36), Torga (Rúa da Paz, 12), Betel (Lamas Carbajal 9) e Tanco (Cardenal Quevedo 22).
Lugo: La Voz de la Verdad, (Bispo Aguirre 17)
Castro Caldelas: Punto de información do Castelo.
E para os que vivan fóra de Galicia sempre está o recurso de enviar un mail a osorrisodedaniel@gmail.com para que nos apiademos do seu afastamento e llelo enviemos por correo.


Quarta-feira, 2 de Janeiro de 2013

Carta románica aos Reis Magos da Franqueira




foto de Emilio Castro

Queridos Reis Magos da Franqueira:

Decidido! Xa o temos decidido! Este ano queremos que nos traiades CARBÓN. Pareceravos raro pero é que case todos os agasallos que queríamos xa nolos foron facendo ao longo do ano.

Visitamos a Cripta e o Museo da Catedral de Santiago.  Casimiro abriunos ¡en domingo! a porta de Santa Baia de Bóveda e Carola Casal guiounos polas súas pinturas e polas pedras de San Miguel de Bacurín e pola Catedral de Lugo seguimos a D. César Carnero. Acompañados polo Instituto de Estudos Miñoranos estivemos en Mondariz vendo os restos de Casteláns, visitámosvos a vós na Franqueira, abraiámonos en San Paio de Albeos e cruzamos o Miño cara Portugal  para visitar Fiaes e Paderne. Coñecemos Cambre da man de Margarita Vázquez Corbal e alí escoitamos música en compaña da xente de Espazos Sonoros.

No mes de febreiro os nosos socios da ría de Arousa traballaron arreo para que estivesemos presentes nas VI Xornadas Arqueolóxicas do Barbanza nunha exposición coordinada coa Asociación de Amigos do Centro Arqueolóxico do Barbanza na que se que presentaba o románico da zona. 

Coas fotos que Soledad Felloza lles fixo aos bautizados de San Paio e os textos de Isabel Aguirre, Quico Cadaval, Iria Fernández, Miguel Ángel González, Óscar G. Murado, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Mariña Pérez Rei, Gualteria Pintos, Ana Romaní e Afonso Vázquez-Monxardin fixemos unha exposición para berrar Arriba San Paio de abeleda! E a Asociación de veciños de San Paio e a de Cocas e Danzantes de Santa Tegra berrou con nós. Sonia Fernández deulle forma á exposición. Primeiro colgámola na aldea e nos camiños para que todo o mundo coñeza a situación deste mosteiro e a nosa indiferencia non se convirta en destrución e subímola despois á rede  (www.arribasanpaiodeabeleda.blogspot.com).

Fixémoslle o 800 cumpreanos a Ventosa e xa de paso visitamos Ramil, Órrea e Ferreiroa guiados por Ana Pousa na máis coral de todas as xeiras que levamos feito.

Na primavera deste ano 2012 Xurxo Ayán e Manuel Gago publicaron o seu libro Herdeiros pola forza no que lle adican un capítulo desmesuradamente laudatorio a O Sorriso de Daniel. Pensamos nós que esta "campaña de prestixio" (si, si, lestes ben), inédita na historia do asociacionismo de base en Galicia encamiñounos cara outro dos grandes agasallos do ano. No mes de novembro outórgannos o Premio da Crítica 2012 á mellor Iniciativa Cultural! Aínda non sabemos en qué estarían pensando ese día Xosé Manuel Rosales, Iago Martínez, Anxos Summai, María Xosé Porteiro, Germam Ermida, Carme Vidal e Xavier Senín que formaban o xurado.  E chovéronnos as felicitacións dos amigos que tiñamos e tamén dos amigos que non sabiamos que tiñamos, como Ramón Baltar, e que fumos descubrindo grazas ao premio.

Libertad Ramírez entregou hai xa días ao prelo o calendario románico do ano 2013 con fotografías da Ribeira Sacra de Ourense feitas por Sole –que vai camiño de coller praza fixa de fotógrafa oficial d´O Sorriso de Daniel- e agora xa anda polas librerías do país. E por certo, a deputación de Ourense botounos unha man para editalo. É a primeira vez, desde que naceu O Sorriso de Daniel, que unha institución colabora economicamente con nós. Temos que recoñecer que aceptando a nosa proposta nos deixaron completamente descolocados e sen discurso. A ver cómo saímos desta!

O 29 de decembro en Diomondi as notas dunha viola de Gamba -a de Xurxo Varela-, dunha guitarra e da voz de María Manuela pediron por nós máis agarimo para o Patrimonio Románico e fixérono con tal emoción que todos cantos alí estivemos demos por ben pechado o ano de actividades para O Sorriso de Daniel.

Fixemos tamén algunha xestión máis que deu o resultado desexado e que non podemos confiar nesta carta pero que vós xa saberedes porque o Rei David xa volo terá comentado.

Os xornalistas seguiron a tratarnos especialmente ben e fóronlle dando difusión a todo canto fixemos e os amigos non nos deixaron sós nas nosas actividades.

É xusto que en tempos de tanta escaseza pidamos máis?

Pois iso… Que non nos importa nada que nos deixedes carbón. Claro que é bastante importante a cantidade que vos pedimos. Precisamos, facendo contas polo baixo, arredor de entre dúas ou tres toneladas de carbón. É o que calculamos que será preciso para quentar os corazóns de todos os que poden facer algo polo patrimonio románico galego e aínda non deron sinais convincentes de que vaian actuar.

Este ano escribímoslles pedindo que intervisen para evitar a desaparición de San Paio de Albeos. Non temos resposta. Escribímoslles pedindo que incluisen un Plan de Conservación e posta en valor do Patrimonio Románico nos programas electorais e contestar contestaron case todos pero por máis que lemos e relemos os programas non atopamos un compromiso definido e claro que nos tranquilice.

Non vaiades pensar que o carbón o queremos só para quentar o corazón dos nosos políticos.

Este ano tamén lle escribimos á familia Franco pedíndolle que devolvesen á Catedral de Santiago as dúas pezas que formaron parte do Pórtico da Gloria e tampouco responderon.

Visto así, se non tendes moitas peticións de carbón, poñédenos a nós os sobrantes todos que boa falta nos han facer para quentar tanto corazón xélido. E non habendo moito máis de qué tratar nesta carta despedímonos cun sorriso. J
O Sorriso de Daniel

PD.- Xa sabemos que estaredes dicindo “E para pedir carbón non era máis apropiado que lle escribisen ao Apalpador?”. Descoidade, tamén o fixemos, o que pasa é que como desde que naceu O Sorriso de Daniel sempre vos mandamos carta parecíanos de mala educación faltar este ano e temos esperanzas de que coma en anos precedentes nos poidades valer.

Segunda-feira, 31 de Dezembro de 2012

Fumos a Diomondi. Por se o agarimo sanda feridas.

O sábado 29 de decembro achegámonos a San Paio de Diomondi para dúas cousas. A primeira lembrar  que había dous anos que se derrubara a fachada do Pazo Bispal que está a carón da igrexa. A segunda facer unha chamada de atención para que as cousas muden moito no terreo da conservación e divulgación do noso románico.

Ía frío pero a voz de María Manuela e as notas que saían da guitarra e da Viola de Gamba de Xurxo Varela tocaron os corazóns de todos os que alí estabamos. Tras o acto nos comentarios do adro, nos correos electrónicos, nos sms e nos wathsapp que recibimos a palabra que máis se repite é: emoción. 
Soou a música como só pode soar nunha igrexa das características da de Diomondi e do xeito que dous enormes artistas poden transmitila: limpa, vibrante, chea de matices...
A música esconxurou o frío e as letras das súas cancións levaron a Diomondi a Manuel María, a Celso Emilio Ferreiro... E Lela de Castelao -un dos grandes reivindicadores do noso románico- pechou o concerto. Tivo tempo María Manuela de cantarlle unha panxoliña a D. Ramón mirándolle aos ollos mentres aquel Vinde pastores nos emocionaba a todos. 
O acto abriuno Carola Casal, fundadora de O Sorriso de Daniel mantén acesa en Lugo a chama da nosa casa e pechou o acto Xan Rodríguez o noso presidente, que anovou un ano máis os nosos desexos de que o Patrimonio Románico non caia no abandono. 

Tamén agradeceu aos asistentes o compromiso co patrimonio románico o Delegado de Patrimonio da Diócese de Lugo: D. César Carnero que quixo facer o esforzo de acompañar ao Sr. Cura, D. Ramón Novoa, e abrirnos as portas de Diomondi.

Había en Diomondi xente do Saviñao, de Lemos, de Chantada, de Caldelas, de Ourense, de Vigo, de Pontevedra, de Santiago, da Coruña... Estaba a xente do Círculo do Saviñao, con quen compartimos esta inquedanza dende o inicio, estaban os d´O Colado do Vento de Sober, estaban os de Lugo Patrimonio, estaban os do grupo Trícole, estaban os de Amigos do Románico de Chantada. En definitiva: estabamos entre amigos. A prensa confirmounos que tamén asistira un deputado do BNG. Oxalá leve ao Pazo do Hórreo esta nosa inquietude!



Así falou Carola Casal e fíxoo por todos nós:

Dende que un 23 de xaneiro de 2010 se reuniran no lugar d´O Reino -na Parroquia de Santa María de Carballeda do Concello de Piñor, Ourense- un grupo de tolos e tolas namoradas da arte románica galega até hoxe mesmo, pasaron case que tres anos. E ao igual que o orballo, que dá vida á terra erma, o traballo paseniño de O Sorriso de Daniel materializouse na posta en valor deste monumental tesouro do Medievo da Galiza.
Nada das arelas duns homes e mulleres cos pes no chan e os peitos na utopía, e constituída como tal o 6 de marzal dese mesmo ano 2010, son fins da Asociación:

-promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
-difundir dentro e fóra do territorio da Galiza este patrimonio e, dun xeito moi sinalado todas as manifestacións da súa arte
-fomentar o seu estudo e coñecemento
-e transmitir o valor da mesma ás xeracións vindeiras
E para alcanzar estes fins e dar a coñecer este espallado tesouro, chegaron as Xeiras; e para dar a coñecer o seu lamentabel estado de conservación, os Deambulatorios; e para abrir ollos e conciencias, as instancias e solicitudes ás administracións públicas ou ás entidades privadas; e un longo devir de traballo diario que pretende facer visibel este “laboratorio de formas” que é a arte románica galega.
E así chegou o 6 de febreiro de 2011 O Sorriso de Daniel a San Paio de Diomondi, para facer visibel que as “pedras románicas falan” e nos din que a cultura protexida non o está –que tamén- nunha igrexa segura, senón na igrexa conservada; e que só implementando os sistemas de seguridade obteríamos as chamativas e impactantes imaxes dun derrubo en directo, coma no caso que nos cita hoxe aquí. Deste xeito tal día coma hoxe hai dous anos o derrubo da fachada do Pazo de Diomondi púxonos o cabelo de punta, materializándose nela as pragas de parte dos edificios sacros do Medievo galego: o desuso, o illamento, a falta de inversión e consecuentemente a lamentabel conservación.
E agora poderíamos estar falando até a saciedade sobre os propietarios, a administración, e un longo etc de premisas, conceptos e pareceres; mais a situación imponse, e aínda que estamos ás portas dunha nova Lei de Patrimonio o certo é, que até o de agora, o texto do 95 non se cumpriu e nunca se convocou unha Comisión Mixta, espazo onde a Igrexa Galega -propietaria dun 80% do patrimonio do país- podería facer un balance do seu estado ante a administración, que por el, ten de velar en nome de todos e todas nós. Debemos de lembrar, e así é de xustiza recoñecelo baixo o teito dunha igrexa que ten máis de 800 anos, que foron as propietarias -as dioceses de Lugo, Compostela, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Tui e, en parte a de Astorga- xunto coas comunidades parroquiais do noso esmorecente rural, os mecenas que permitiron que todas estas xoias chegasen até nós.
E así, o que non se ve pasa desapercibido e o que non se coñece fica esquencido. O caso é que hoxe Diomondi faise máis visibel grazas ás vosas miradas, coma tamén aconteceu en Santo Estevo de Pardollán e San Paio de Abeleda.
Grazas por ser e estar a todos e todas as guías que co seu labor desinteresado comparten o seu saber; a todas aquelas persoas que participan nas Xerias, xa que elas fan posibel o desenvolvemento da totalidade das actuacións de O Sorriso de Daniel; a todos os socios e socias que doan de balde o seu tempo, coche e teléfono; e aínda que ao final, de suma importancia, a todos aqueles sacerdotes, e aos homes e mulleres das parroquias, que abriron as portas destes espazos inimaxinados, posibilitando o seu coñecemento e poñendo en valor o noso patrimonio.
Grazas a María Manuela e a Xurxo Varela por compartir e non o dubidar, o mundo faise con persoas coma vós; grazas á Asociación Círculo do Saviñao o voso apoio na zona é inestimable; e grazas ao xurado que este ano premiou ao Sorriso de Daniel co Premio da Crítica á Iniciativa Cultural, con el ponse en valor o patrimonio románico, o noso “adn”.
Finalmente non podo deixar de facer unha pequena referencia a dúas persoas que aínda que non están, seguen presentes. Eles abriron o camiño e guiaron os meus pasos, ao igual que o da maioría dos apaixoados e apaixoadas pola arte románica galega: Serafín Moralejo e Xaime Delgado. Mestres, coma dicía Bernardo de Chartres, “Somos ananos a lombos de xigantes”.
E a todos e a todas as presentes, que vivades en galego e en románico este 2013!!!


O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

Quinta-feira, 20 de Dezembro de 2012

Música para sandar Diomondi

Sábado, 29 de decembro de 2012, 12.30h: unha viola de Gamba chama por nós en Diomondi!

Na noite do 28 ao 29 de decembro de 2010 un ruído seco escoitouse ao carón da igrexa de Diomondi. Eran os ecos do derrubamento da fachada do Pazo bispal de Diomondi.




Anexo á vella igrexa románica atópase o Pazo Bispal de Diomondi. Un edificio de orixe medieval que deu acollida durante centos de anos aos bispos de Lugo que ían alí a facer repouso no verán.
Por sorte, esa noite, a fachada cedeu sen que aparentemente afectase aos muros contiguos da igrexa de grande valor artístico. 


Pasados os primeiros momentos de sorpresa e estupor procedeuse a consolidar a obra. O 6 de febreiro de 2010 O Sorriso de Daniel, en compaña de xentes do Círculo do Saviñao e da asociación de veciños do Saviñao visitamos Diomondi. Foron daquela os nosos guías os historiadores Ramón Yzquierdo Perrín e Nieves Peiró, grandes coñecedores dos dous edificios. Alí asinamos unha carta para os grupos parlamentarios na que lle pedíamos que demandasen urxentemente ao goberno galego a redacción dun Plan de conservación e posta en valor do románico galego. 
Hoxe, pasados dous anos o andamio e a lona seguen protexendo a ferida da fachada e aquela carta segue vixente.




Por iso decidimos volver a Diomondi!
O 29 de decembro ás 12.30h xuntarémonos alí para escoitar a música da Viola de Gamba de Xurxo Varela (http://xurxogambeiro.blogspot.com.es) e a voz da súa nai a cantante María Manuela (http://www.mariamanuela.c.telefonica.net)

Con este concerto Xurxo e María Manuela farán un chamamento ás conciencias de todos nós para que a custodia do Patrimonio Románico se apoie nunha folla de ruta clara e abandone as incertas augas da improvisación. 

Se xa estiveches hai dous anos 
Se aínda non fuches nunca a Diomondi
Se fuches e nunca atopaches a igrexa aberta
Se levas cravada a imaxe da súa magnífica portada
Se as proporcións dun dos máis fermosos templos do románico galego chaman por ti 
Se escoitar unha viola de gamba nun templo románico che parece un momento para non perdelo
Se tes saudades da voz de María Manuela 
Se aínda non atopaches o calendario do románico galego 2013 e queres atopalo

PORQUE CHE PREOCUPA O NOSO PATRIMONIO O 29 DE DECEMBRO ÁS 12.30H TES QUE ESTAR EN DIOMONDI!



Téñome que anotar para asistir? Non é preciso. Só fai falla que asistas con puntualidade para poder empezar sen interrupcións.
Botarémoste de menos se non ves? Non o dubides
Por onde se chega? San Paio de Diomondi está no concello do Saviñao a medio camiño entre Chantada e Escairón. E para chegar hai que seguir as indicacións que atoparedes á altura de Santo Estevo de Ribas de Miño.
Ah, e os que veñades en coche conducide con xeito que o Románico é para vivilo!
Máis un favor: Espalla esta nova!
Porque nós aínda lembramos outro Diomondi:
licencia (Creative Commons) CC BY-SA 3.0 @pintafontes