quinta-feira, 30 de dezembro de 2010

O derrubamento do Pazo Bispal de Diomondi triste coroa para pechar o 2010.


Sección: DE-Ambulatorio Románico


Diomondi
“es uno de los más hermosos y completos ejemplares de nuestra arquitectura románica de la segunda mitad del siglo XII, en su tipo, acabado indudablemente en el mencionado año de 1170, interesante por muchos conceptos”.

Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia.

Ángel del Castillo 

Asunto:
Derrubamento do Pazo bispal de Diomondi (O Saviñao-Lugo)

Nesta última semana do ano 2010 ven de producirse un feito realmente triste para o Patrimonio Medieval galego: o derrubamento da fachada d´O Pazo Bispal de Diomondi (O Saviñao-Lugo). O edificio está anexo a unha das igrexas románicas máis importantes de Galicia e pegado a ela pola súa fachada norte.
De entre os que foron ideados para teren uso residencial o Pazo é un dos edificios máis antigos conservados na provincia. Fóra das igrexas románicas (das que Galicia ten por sorte unha gran riqueza) poucos edificios de época tan antiga chegaran aos nosos días e por desgracia agora temos que lamentar un feito realmente descorazonador. A que fora residencia de verán dos Bispos de Lugo viña acusando dende había tempo a necesidade dunha intervención destinada á súa conservación. En boa medida esta intervención, de se producir, chega xa tarde.

Por desgracia este acontecemento pon punto e final a un Annus Horribilis para o Patrimonio galego. A principios de novembro os medios de comunicación cifraban nun 82% o recorte que a Xunta de Galicia lle aplicaba á partida de protección do Patrimonio artístico.


Nun país que non destaca por ter feito grandes investimentos na conservación e posta en valor do seu Patrimonio verdadeiramente isto ven significar que na realidade se opta pola desaparición do mesmo.

Cando se fala de recuperación de Patrimonio Artístico O Sorriso de Daniel quere destacar que tamén se están falando de postos de traballo que se xeneran arredor destas actuacións. Estes postos de traballo en moitas ocasións vencéllanse ao sector da construcción que é un dos máis afectados pola crise. As empresas da construción especializadas no sector do Patrimonio Histórico veríanse beneficiadas por unha política máis comprometida coa salvagarda de todos estes edificios. Á súa vez isto orixinaría movemento turístico. Dous sectores económicos vense polo tanto directamente perxudicados  por este tratamento irresponsable.






Lamentablemente faltan cartos, e falta sensibilidade para destinar os que hai, a actuacións que agora se evidencian como urxentes.

Diomondi non se atopa nas rotas máis percorridas, nin no medio dunha cidade monumental, onde as olladas e as imaxes crean conciencia. Cando se vai conmemorar o remate da construción románica da Basílica compostelá, unha das igrexas de máis valía que ten Galicia comeza o ano 2011 máis ameazada que nunca. O derrube producido en Diomondi é unha chamada de atención ás nosas conciencias que debería alertarnos a todos e todas.

Agora conviría revisar as obras que no edificio se fixeron no 2003 e se foron realizadas correctamente, porque o que é obvio é que foron insuficientes. E conviría pechar o ano 2010 cunha decisión tomada: poñer todos os medios necesarios para consolidar o que queda do edificio e procurar que o derrubamento non lle afecte á igrexa de San Paio de Diomondi. Reiteramos que Diomondi é unha das igrexas de máis valía que ten Galicia.

Nunca é tarde para tomar conciencia e nunca é tarde para coidar o patrimonio que lles temos que deixar ás futuras xeracións.




Vocabulario imprescindible:

Deambulatorio: Corredor circular que, nalgunhas igrexas, rodea o altar maior por detrás.

DE-Ambulatorio Románico: Sección creada pola asociación O Sorriso de Daniel para reivindicar a conservación dos edificios do patrimonio medieval galego que se atopan en peor estado.


De-Ambulatorio Románico
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.