segunda-feira, 31 de dezembro de 2012

Fumos a Diomondi. Por se o agarimo sanda feridas.

O sábado 29 de decembro achegámonos a San Paio de Diomondi para dúas cousas. A primeira lembrar  que había dous anos que se derrubara a fachada do Pazo Bispal que está a carón da igrexa. A segunda facer unha chamada de atención para que as cousas muden moito no terreo da conservación e divulgación do noso románico.

Ía frío pero a voz de María Manuela e as notas que saían da guitarra e da Viola de Gamba de Xurxo Varela tocaron os corazóns de todos os que alí estabamos. Tras o acto nos comentarios do adro, nos correos electrónicos, nos sms e nos wathsapp que recibimos a palabra que máis se repite é: emoción. 
Soou a música como só pode soar nunha igrexa das características da de Diomondi e do xeito que dous enormes artistas poden transmitila: limpa, vibrante, chea de matices...
A música esconxurou o frío e as letras das súas cancións levaron a Diomondi a Manuel María, a Celso Emilio Ferreiro... E Lela de Castelao -un dos grandes reivindicadores do noso románico- pechou o concerto. Tivo tempo María Manuela de cantarlle unha panxoliña a D. Ramón mirándolle aos ollos mentres aquel Vinde pastores nos emocionaba a todos. 
O acto abriuno Carola Casal, fundadora de O Sorriso de Daniel mantén acesa en Lugo a chama da nosa casa e pechou o acto Xan Rodríguez o noso presidente, que anovou un ano máis os nosos desexos de que o Patrimonio Románico non caia no abandono. 

Tamén agradeceu aos asistentes o compromiso co patrimonio románico o Delegado de Patrimonio da Diócese de Lugo: D. César Carnero que quixo facer o esforzo de acompañar ao Sr. Cura, D. Ramón Novoa, e abrirnos as portas de Diomondi.

Había en Diomondi xente do Saviñao, de Lemos, de Chantada, de Caldelas, de Ourense, de Vigo, de Pontevedra, de Santiago, da Coruña... Estaba a xente do Círculo do Saviñao, con quen compartimos esta inquedanza dende o inicio, estaban os d´O Colado do Vento de Sober, estaban os de Lugo Patrimonio, estaban os do grupo Trícole, estaban os de Amigos do Románico de Chantada. En definitiva: estabamos entre amigos. A prensa confirmounos que tamén asistira un deputado do BNG. Oxalá leve ao Pazo do Hórreo esta nosa inquietude!



Así falou Carola Casal e fíxoo por todos nós:

Dende que un 23 de xaneiro de 2010 se reuniran no lugar d´O Reino -na Parroquia de Santa María de Carballeda do Concello de Piñor, Ourense- un grupo de tolos e tolas namoradas da arte románica galega até hoxe mesmo, pasaron case que tres anos. E ao igual que o orballo, que dá vida á terra erma, o traballo paseniño de O Sorriso de Daniel materializouse na posta en valor deste monumental tesouro do Medievo da Galiza.
Nada das arelas duns homes e mulleres cos pes no chan e os peitos na utopía, e constituída como tal o 6 de marzal dese mesmo ano 2010, son fins da Asociación:

-promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
-difundir dentro e fóra do territorio da Galiza este patrimonio e, dun xeito moi sinalado todas as manifestacións da súa arte
-fomentar o seu estudo e coñecemento
-e transmitir o valor da mesma ás xeracións vindeiras
E para alcanzar estes fins e dar a coñecer este espallado tesouro, chegaron as Xeiras; e para dar a coñecer o seu lamentabel estado de conservación, os Deambulatorios; e para abrir ollos e conciencias, as instancias e solicitudes ás administracións públicas ou ás entidades privadas; e un longo devir de traballo diario que pretende facer visibel este “laboratorio de formas” que é a arte románica galega.
E así chegou o 6 de febreiro de 2011 O Sorriso de Daniel a San Paio de Diomondi, para facer visibel que as “pedras románicas falan” e nos din que a cultura protexida non o está –que tamén- nunha igrexa segura, senón na igrexa conservada; e que só implementando os sistemas de seguridade obteríamos as chamativas e impactantes imaxes dun derrubo en directo, coma no caso que nos cita hoxe aquí. Deste xeito tal día coma hoxe hai dous anos o derrubo da fachada do Pazo de Diomondi púxonos o cabelo de punta, materializándose nela as pragas de parte dos edificios sacros do Medievo galego: o desuso, o illamento, a falta de inversión e consecuentemente a lamentabel conservación.
E agora poderíamos estar falando até a saciedade sobre os propietarios, a administración, e un longo etc de premisas, conceptos e pareceres; mais a situación imponse, e aínda que estamos ás portas dunha nova Lei de Patrimonio o certo é, que até o de agora, o texto do 95 non se cumpriu e nunca se convocou unha Comisión Mixta, espazo onde a Igrexa Galega -propietaria dun 80% do patrimonio do país- podería facer un balance do seu estado ante a administración, que por el, ten de velar en nome de todos e todas nós. Debemos de lembrar, e así é de xustiza recoñecelo baixo o teito dunha igrexa que ten máis de 800 anos, que foron as propietarias -as dioceses de Lugo, Compostela, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Tui e, en parte a de Astorga- xunto coas comunidades parroquiais do noso esmorecente rural, os mecenas que permitiron que todas estas xoias chegasen até nós.
E así, o que non se ve pasa desapercibido e o que non se coñece fica esquencido. O caso é que hoxe Diomondi faise máis visibel grazas ás vosas miradas, coma tamén aconteceu en Santo Estevo de Pardollán e San Paio de Abeleda.
Grazas por ser e estar a todos e todas as guías que co seu labor desinteresado comparten o seu saber; a todas aquelas persoas que participan nas Xerias, xa que elas fan posibel o desenvolvemento da totalidade das actuacións de O Sorriso de Daniel; a todos os socios e socias que doan de balde o seu tempo, coche e teléfono; e aínda que ao final, de suma importancia, a todos aqueles sacerdotes, e aos homes e mulleres das parroquias, que abriron as portas destes espazos inimaxinados, posibilitando o seu coñecemento e poñendo en valor o noso patrimonio.
Grazas a María Manuela e a Xurxo Varela por compartir e non o dubidar, o mundo faise con persoas coma vós; grazas á Asociación Círculo do Saviñao o voso apoio na zona é inestimable; e grazas ao xurado que este ano premiou ao Sorriso de Daniel co Premio da Crítica á Iniciativa Cultural, con el ponse en valor o patrimonio románico, o noso “adn”.
Finalmente non podo deixar de facer unha pequena referencia a dúas persoas que aínda que non están, seguen presentes. Eles abriron o camiño e guiaron os meus pasos, ao igual que o da maioría dos apaixoados e apaixoadas pola arte románica galega: Serafín Moralejo e Xaime Delgado. Mestres, coma dicía Bernardo de Chartres, “Somos ananos a lombos de xigantes”.
E a todos e a todas as presentes, que vivades en galego e en románico este 2013!!!


O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

quinta-feira, 20 de dezembro de 2012

Música para sandar Diomondi

Sábado, 29 de decembro de 2012, 12.30h: unha viola de Gamba chama por nós en Diomondi!

Na noite do 28 ao 29 de decembro de 2010 un ruído seco escoitouse ao carón da igrexa de Diomondi. Eran os ecos do derrubamento da fachada do Pazo bispal de Diomondi.




Anexo á vella igrexa románica atópase o Pazo Bispal de Diomondi. Un edificio de orixe medieval que deu acollida durante centos de anos aos bispos de Lugo que ían alí a facer repouso no verán.
Por sorte, esa noite, a fachada cedeu sen que aparentemente afectase aos muros contiguos da igrexa de grande valor artístico. 


Pasados os primeiros momentos de sorpresa e estupor procedeuse a consolidar a obra. O 6 de febreiro de 2010 O Sorriso de Daniel, en compaña de xentes do Círculo do Saviñao e da asociación de veciños do Saviñao visitamos Diomondi. Foron daquela os nosos guías os historiadores Ramón Yzquierdo Perrín e Nieves Peiró, grandes coñecedores dos dous edificios. Alí asinamos unha carta para os grupos parlamentarios na que lle pedíamos que demandasen urxentemente ao goberno galego a redacción dun Plan de conservación e posta en valor do románico galego. 
Hoxe, pasados dous anos o andamio e a lona seguen protexendo a ferida da fachada e aquela carta segue vixente.




Por iso decidimos volver a Diomondi!
O 29 de decembro ás 12.30h xuntarémonos alí para escoitar a música da Viola de Gamba de Xurxo Varela (http://xurxogambeiro.blogspot.com.es) e a voz da súa nai a cantante María Manuela (http://www.mariamanuela.c.telefonica.net)

Con este concerto Xurxo e María Manuela farán un chamamento ás conciencias de todos nós para que a custodia do Patrimonio Románico se apoie nunha folla de ruta clara e abandone as incertas augas da improvisación. 

Se xa estiveches hai dous anos 
Se aínda non fuches nunca a Diomondi
Se fuches e nunca atopaches a igrexa aberta
Se levas cravada a imaxe da súa magnífica portada
Se as proporcións dun dos máis fermosos templos do románico galego chaman por ti 
Se escoitar unha viola de gamba nun templo románico che parece un momento para non perdelo
Se tes saudades da voz de María Manuela 
Se aínda non atopaches o calendario do románico galego 2013 e queres atopalo

PORQUE CHE PREOCUPA O NOSO PATRIMONIO O 29 DE DECEMBRO ÁS 12.30H TES QUE ESTAR EN DIOMONDI!



Téñome que anotar para asistir? Non é preciso. Só fai falla que asistas con puntualidade para poder empezar sen interrupcións.
Botarémoste de menos se non ves? Non o dubides
Por onde se chega? San Paio de Diomondi está no concello do Saviñao a medio camiño entre Chantada e Escairón. E para chegar hai que seguir as indicacións que atoparedes á altura de Santo Estevo de Ribas de Miño.
Ah, e os que veñades en coche conducide con xeito que o Románico é para vivilo!
Máis un favor: Espalla esta nova!
Porque nós aínda lembramos outro Diomondi:
licencia (Creative Commons) CC BY-SA 3.0 @pintafontes

sábado, 8 de dezembro de 2012

Crónica da VII Xeira románica.Agolada: no corazón de Galicia

Chegou o día e chegou a romería!


Un ben de xente xuntámonos ao pé dos Pendellos de Agolada. Alí estaba Inma Galego -do concello de Agolada- para nos recibir e para nos amosar estas mostras insólitas da arquitectura popular galega que conseguiron milagrosamente sobrevivir para goce e disfrute de todos. 

Reagrupados nos coches e seguindo a D. José Sarandeses, o Sr Cura de Ramil, puxemos rumbo ao norte cara a parroquia máis afastada da capital do concello. Alí tomou o mando da expedición a nosa guía Ana Pousa.
Fóra, empoleirada no valo do adro falounos dos canzorros e das reformas que a miúdo atopamos nas igrexas románicas galegas.

Dentro, coa igrexa chea como en día de festa, houbo oportunidade de ver porqué Ana Pousa insistiu tanto en ir a Ramil. No arco puidemos recoñecer a formas máis primitivas do románico de Agolada. Un bo punto para empezar.


Antes de marchar Marcial, da asociación ecoloxista Adega, presentounos e convidounos a visitar a Eira da Xoana, un proxecto que nos pareceu tremendamente interesante e que esta asociación está a desenvolver nesta parroquia de Ramil.
E de Ramil a Santo André de Órrea. Estabamos algo preocupados pola falta de lugar onde deixar os coches. A nosa caravana colapsou a aldea pero os veciños soportaron con paciencia a nosa "invasión".
Trouxo a chave o Sr. José e fixémoslle as beiras á igrexa mentres Ana analizaba para nós un dos edificios mellor conservados do románico de Agolada. D. José Sarandeses acompañounos amablemente á súa parroquia natal e enriqueceu cos seus comentarios a visita, desvelándonos que foi precisamente un antepasado seu o que dende Arxentina mandou cartos para reformar a fachada. Por sorte a porta orixinal conservouse.

E Ana Pousa, sempre no alto, falando da posible ubicación do edificio que se perdeu do mosteiro, dos elementos construtivos propios de unha ábside semicircular, da relación entre orzamento e ornamentación e dos beiriles que soportaban pórticos tamén perdidos...

 E dentro da igrexa, repartidos entre a tribuna e a nave, moito máis. Incluída unha explicación coa que nos agasallou Luz Méndez na que nos desvelou o significado e orixe dos topónimos dos lugares que visitabamos.
Era moita hora e xa empezaba a haber fame. Por sorte en Agolada reservárannos un salón só para nós. Mentres a nosa caravana de avanzaba polas aldeas a xente que nos vía miraba un tanto asombrada e parecía preguntarse ¿será un enterro? ¿será unha voda? Cando nos vimos todos sentados vímolo claro: era unha festa.
E repostas as forzas marchamos cara Santa María de San Xiao de Ventosa. Abriu a porta D. Arsenio Galego, párroco desta igrexa 8 veces centenaria. Non caben neste blog todas as exclamacións de asombro e todas as palabras que alí se dixeron.


Falou D. Arsenio, falou Ana Pousa, falou Paulina Ceremucynska que quixo agasallarnos cos seus coñecementos sobre música medieval.


E houbo tempo para novas descubertas. E, mesmo os que coñeciamos Ventosa, descubrimos unha peza reaproveitada que agora está no altar maior e que é similar a unha xa vista en Santa María de Nogueira de Miño: unha lamprea e un salmón parecen falarnos das rendas que en especias podía recibir a igrexa de Ventosa. Ou quen sabe de qué oculta información nos falen...


 E de alí cara San Pedro de Ferreiroa. Grazas á xente da casa López que nos abriron a vella igrexa expoliada. Fixérasenos tarde pero non quixemos marchar sen pasar por alí e sen importarnos nada que fóra se fose facendo noite pecha aínda fixemos tempo para discutir sobre simetría e harmonía no románico. Morría aquí a VII Xeira Románica polas terras que ocupan o corazón de Galicia.

A todos e todas os que participaron e fixeron posible esta VII Xeira quedámoslles eternamente agradecidos.
Cos que non puideron acompañarnos porque xa completáramos o límite de inscripción quedamos en débeda e desexamos encontrarnos noutra xeira proximamente.

quarta-feira, 28 de novembro de 2012

VII Xeira Románica. Agolada: No corazón de Galicia



Neste ano  2012 a igrexa de San Xiao de Ventosa cumpre 800 anos.
E nós non podíamos faltar á cita coa que Filgueira Valverde chamou a Catedral do Románico Rural Galego.



Cando imos?
O xoves 6 de decembro (Día da Constitución).

Onde quedamos?
Ás 11h da mañá nos Pendellos de Agolada.

Quen nos guiará?
Alí recibiranos a técnica de cultura e turismo do Concello de Agolada que nos presentará ese ben patrimonial que forman o conxunto de Os Pendellos da feira de Agolada.

A visita ás igrexas románicas guiaránola Ana Pousa 
Licenciada en Historia del Arte, especialidades de Arte Antiguo, Medieval e Arte Moderno, pola USC.

Máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural (especialidad patrimonio artístico) pola USC.

Tras facer o dourado obtivo o Diploma de Estudios Avanzados co traballo “El Románico en la provincia de Pontevedra (diócesis de Lugo). Nuevos hallazgos y consideraciones”.

Durante tres campañas formou parte do equipo de investigación e redacción da Enciclopedia do Románico en Galicia (Fundación Sta. Mª la Real de Aguilar de Campoo- Centro de Estudios del Románico) nos tomos de Pontevedra e A Coruña.

E despois?
De alí encamiñarémonos á igrexa de San Martiño de Ramil


E de alí a Santo André de Órrea.


Onde xantaremos?
En Parrillada Agolada na estrada Agolada-Melide.

E despois de xantar?
Iremos a San Xiao de Ventosa




(e se a tarde nos rende ben fecharemos a xornada visitando San Pedro de Ferreiroa).



Cómo fago para me anotar?
Envía antes do día 4 un correo a osorrisodedaniel@gmail.com cos seguintes datos
Asunto: VII Xeira Románica. No corazón de Galicia (xa sabemos que de isto vos ides esquecer todos!)
E na mensaxe os seguintes datos:
nome, apelidos, tfno e mail de cada unha das persoas que se queiran anotar.

Hai prazas limitadas?
Xa sabedes que si. Para que os asistentes poidan disfrutar a gusto da visita o número de prazas está limitado e anotaremos por orde de recepción de correo.

Canto custa a asistencia á xeira?
Se es socio 20€ e se non es socio 25€. O xantar está incluído neste prezo.

Cómo nos trasladaremos?
En coches particulares. Cando esteamos nos Pendellos trataremos de agruparnos para non mover moitos coches xa que algunhas das aldeas ás que temos que ir carecen de lugares apropiados para aparcar bastantes coches.
Se o teu problema é que non tes coche pregunta porque é posible que perto de onde es ti haxa xente anotada que non teña inconveniente en levarte.



domingo, 18 de novembro de 2012

Déronnos (inmerecidamente) o Premio da Crítica 2012 á Mellor Iniciativa Cultural


O sábado 17 de novembro o secretario do xurado dos Premios da Crítica de Galicia 2012 na modalidade de Mellor Iniciativa Cultural anunciounos por teléfono que O Sorriso de Daniel resultara gañador desa convocatoria.

A declaración do xurado dicía:

Logo dun amplo debate  acordouse premiar a Asociación O SORRISO DE DANIEL. Por ser unha iniciativa innovadora que valora, difunde e quere o románico, un singular e extraordinario tesouro do noso patrimonio. O Sorriso parte do lema “O patrimonio coa viciñanza ten maior valor” e por iso as súas iniciativas implican e comprometen a quen ten o románico ao seu carón, tomando parte da súa propia historia persoal. A súa actividade céntrase especialmente no ámbito rural, nese patrimonio espallado e en certa medida abandonado pero tamén máis vivido. Trátase dun grupo de persoas “apaixonadas” polo patrimonio que buscan implicar aos veciños e veciñas no coidado e defensa do seu, con iniciativas enérxicas, imaxinativas e mesmo provocadoras. En pouco tempo, con escasos medios mais con moita ilusión déronlle ao patrimonio un espazo singular nos medios de comunicación e nas redes sociais, convertéronse nunha voz de reivindicación e denuncia e fixeron que vivamos con máis intensidade ese tesouro que é o noso patrimonio románico.

O Xurado premia n´O Sorriso de Daniel a milleiros de persoas que ao longo de máis de 800 anos fixeron porque o románico galego chegase a nós.

O Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural 2012 foi en realidade

  • para quen carrexou pedras ou retellou
  • para quen pintou as portas
  • para quen abriu un rego no adro e apartou a auga que escorregaba cara a ábsida
  • para quen estudou os edificios, fixo tese sobre o románico nas dióceses galegas ou publicou un artigo sobre unha virxe que leva unha cebola na man
  • para quen plantou unha roseira ao pé do lenzo sur
  • para quen varreu a nave
  • para quen puxo o andamio
  • para quen mudou o cristal dunha ventá
  • para quen fixo mil papeis ata conseguir unha autorización de Patrimonio para poder tirar a sacristía que non deixa ver o volume orixinal da igrexa
  • para quen vive en Montevideo, en Zurich, ou en Barakaldo e é quen de describir cos ollos pechados, pedra por pedra, a igrexa da súa parroquia
  • para quen reinterpretou o significado dun capitel
  • para quen garda a chave e abre a porta
  • para quen pon un indicador ao pé da estrada e mais tamén para quen di por onde se vai cando non hai indicador
  • para quen reivindicou co seu traballo o valor dunha igrexiña que está no curuto dun monte mirando cara a Serra da Enciña da Lastra e que por non ter non ten teito, nin portas, nin camiño que leve a ela
  • para quen escribiu un texto ou fixo fotos para unha exposición
  • para quen a maquetou
  • para quen abriu os micros ou encontrou un oco nas páxinas do domingo para falar do románico galego
  • para quen deseñou unha ruta cicloturística que une varias igrexas románicas
  • para quen se deixou fotografar ao pé dunha pía bautismal dando testemuña de compromiso co románico
  • para quen tocou a alborada de Veiga no adro da igrexa o día do patrón ou quen organizou un concerto dun quinteto de frautas de bico
  • para quen guiou unha visita, ou dúas, ou moitas
  • para quen cortou a herba do adro co fouciño ou coa desbrozadora de man
  • para quen situou no google maps as coordenadas dunha igrexa
  • para quen compartiu no facebook unha foto dun tímpano

Inmerecidamente o premio recollémolo nós. Pero… ao fin o Premio da Crítica á Mellor Iniciativa Cultural 2012 é para todos e todas os que cren que o noso románico ten moito FUTURO.

terça-feira, 18 de setembro de 2012

Os partidos pechan as listas e nós a solicitude para os seus programas.




Os partidos galegos veñen de pechar as listas que presentarán ás eleccións do vindeiro 21 de outubro.  Nós xa temos preparada unha carta dirixida aos cabeza de lista de cada partido solicitando a inclusión no programa electoral dun Plan Galego para a conservación e posta en valor do Patrimonio Románico. 
Non pedimos nada novo. Isto mesmo o solicitamos ao Parlamento de Galicia en febreiro do 2011. Naquel intre escribimos ao pé das derruídas pedras do Pazo bispal de San Paio de Diomondi. Dende aquela en xullo do 2011 tivemos que coller as desbrozadoras para limpar Santo Estevo de Pardollán, en agosto do 2011 solicitamos á Consellería de Cultura que fixese todo o que estivese na súa man para impedir que novos encoros no entorno de Santa Cristina de Ribas de Sil puidesen impedir a declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra, en xuño de 2012 solicitamos á Dirección Xeral de Patrimonio que se interesase polo calamitoso estado de San Paio de Albeos, en setembro de 2012 inauguramos unha exposición para reivindicar que San Paio de Abeleda non se perda...
Nós non imos cansar. 
E hoxe saen as cartas!

Asunto:
Solicitude de inclusión no programa electoral dun Plan galego para a conservación e posta en valor do Patrimonio Románico.

Da nosa estimanza:

Non se lle escapará nin a vostede nin ao equipo de redactores do programa electoral do seu partido que nun patrimonio tan extenso como é o patrimonio románico galego o estado de conservación é desigual. Hai edificios con problemas estruturais, outros con problemas de seguridade e tamén pinturas murais e bens mobles en avanzado estado de deterioro e por suposto un grave problema de divulgación deste patrimonio.

No actual actual contexto de crise o Patrimonio Artístico Galego ten que ser visto como unha oportunidade para o desenvolvemento e a creación de emprego. Chegou a hora de catalogalo, preservalo e divulgalo como merece.

As actuacións de emerxencia deben dar paso á planificación e para iso a Xestión do Patrimonio debe  fundamentarse en catro elementos: coñecemento, protección, conservación e divulgación. Os catro necesarios por igual. A ordenación territorial e a planificación urbanística son ferramentas imprescindibles. Pero non abondan.

Por todo isto pedímoslles a vostede e aos redactores do programa electoral do seu partido que inclúan no mesmo o compromiso de redacción dun Plan Galego para a conservación e posta en valor do Patrimonio Románico e o seu posterior desenvolvemento se chegase a gobernar.

A dinamización económica que supoñería non é despreciable e hoxe os homes e mulleres formados nas nosas universidades e centros educativos –moitos deles a piques de ter que abandoar Galicia- son o mellor capital humano para garantir que ese Plan Galego para a conservación e posta en valor do Patrimonio románico teña os redementos que desexamos.

Agardando que esta solicitude poida ser valorada polo equipo de redacción do Programa electoral do seu partido enviámoslles un saúdo cordial
A Xunta Directiva de O Sorriso de Daniel. 

sexta-feira, 14 de setembro de 2012

D. Xaime Delgado Gómez. Un ronsel de traballo polo románico galego

Dende a tardiña do 14 de setembro os restos mortais de D. Xaime Delgado 
respousan no adro da igrexa de Santa María de Castelo en Taboada. 
Perto da que el calificaba como 
"una de las más bellas y ricas ventanas absidales 
del románico lucense".






A asociación O Sorriso de Daniel, ante a nova do pasamento de D. Xaime Delgado Gómez, quere amosar publicamente o seu recoñecemento a quen tanto ten aportado na divulgación e conservación do románico galego.

D. Xaime Delgado  era nado na parroquia de Santa María de Castelo e ao pé dos seus muros románicos recibiu sepultura o venres 14 de setembro ás 18h .

Quen foi Comisario Provincial do Patrimonio artístico, arqueolóxico e histórico de Lugo deixa un longo ronsel de bo facer.

A súa preocupación polo estado de conservación do románico rural galego cristalizou en moitas obras que non se terían acometido sen o seu pulo, a súa constancia e o seu apoio decidido.

De igual modo, dende a súa cátedra no Seminario de Lugo durante máis de vinte anos, e nas ducias de conferencias que impartiu por todo o país desenvolveu un importante labor de divulgación que convén hoxe poñer en valor.

A el debémoslle os 6 tomos de El Románico de Lugo y su provincia, que serían abondo para que os amantes do románico estivesemos en débeda con el para sempre. Pero a isto convén engadir unha importantísima colección de artigos e traballos dispersos en distintas publicacións periódicas e que serviron para alimentar o coñecemento que agora temos do noso patrimonio.

Antes de que chegase internet e as redes sociais se extendesen D. Xaime Delgado xa activara o botón de Compartir para o románico galego.

En D. Xaime Delgado Gómez recoñecemos o amor polo patrimonio galego, o compromiso coa súa conservación, a aposta decidida por divulgalo e o seu xeito propio de facer as cousas dende a bondade dun home xeneroso.



segunda-feira, 10 de setembro de 2012

Cita cun espazo sonoro románico: Santa María de Cambre

"Dos columnas y la denominada Hidria de Jerusalém 
convierten a la iglesia románica gallega de Santa María de Cambre 
en un buen ejemplo de aquellas evocaciones medievales 
del Templo de Salomón".

Carlos Sastre



Espazos Sonoros é un festival de música que ten xa unha tradición nos programas de música clásica en Galicia. 
Unha das súas peculiaridades é o acento que poñen á hora de escoller escenario.
O vindeiro domingo 16 de setembro de 2012 un dos concertos da programación deste ano celebrarase en Santa María de Cambre.

Os organizadores de Espazos Sonoros chamaron por nós e dixéronnos... Qué vos parece se ademais da música exquisita do cuarteto Seldom Sene lles contamos os segredos de tan singular edificio a quen veña a Cambre?

E para esa preguntas só cabía unha resposta: SI. 
Pareceunos mel nas filloas!

Espazos Sonoros (www.espazossonoros.org) pon a música.
Un quinteto de frautas de bico, Seldom Sene (www.seldomsene.com), formado por Stephanie Brandt, Ruth Dyson, Eva Gemeinhardt, Hester Groenleer e María Martínez Ayerza. 5 intérpretes procedentes de Alemaña, de Reino Unido, de Holanda e unha española interpretando música de Anthony Holborne, Francisco Guerrero, Johann Sebastian Bach, Fulvio Caldini e Frans Geysen entre outros. 
Para este concerto as Seldom Sene prometen traer máis de 40 frautas de diferentes tesituras. O pracer auditivo está asegurado.



O Sorriso de Daniel pon a paixón polo románico e faino a través do profesor Carlos Sastre. Falamos co Doutor en Historia da Arte D. Carlos Sastre Vázquez e así foi que quedamos para facer unha visita guiada á igrexa de Cambre. Sastre Vázquez é autor de diversos traballos sobre románico galego entre os que se conta "Mirando a Jerusalem desde Santa María de Cambre".


A cita pode ser memorable. Asiste! Non deixes que outros cha conten! 

Quedamos na porta de tan singular edificio ás 17.00h.
Para anotarse a esta visita guiada hai que previamente enviar un e-mail a osorrisodedaniel@gmail.com antes do sábado 15 de setembro co asunto: Inscripción visita Cambre

A visita guiada á igrexa de Cambre é de balde e a asistencia ao concerto tamén pero hai un límite de prazas para a visita guiada.

O románico galego está cheo de espazos sonoros só fai falla que alguén veña a nolos descubrir!






Non deixedes de consultar a programación enteira do Programa de Espazos Sonoros. Perto de onde esteades pode estar pasando algo moi singular.
www.espazossonoros.org.

Ah, por certo, os que viñades en coche conducide con xeito ¡que o románico é para vivilo!

sexta-feira, 24 de agosto de 2012

Arriba San Paio de Abeleda!



Todos e todas temos unha cita!




ONDE? En San Paio de Abeleda (O Castro de Caldelas -Ourense). 
Alí mesmo? Non exactamente, quedamos diante da igrexa de Santa Tegra de Abeleda que está moi pertiño e xa imos baixando todos xuntos.
CANDO? O vindeiro 2 de setembro á unha da tarde.
CON QUEN QUEDAMOS? Co mosteiro de San Paio de Abeleda e cos veciños e veciñas que defenden o seu patrimonio con valentía.




Neste ano 2012 cúmprense 40 anos da clausura de San Paio de Abeleda como parroquia.
Nestes 40 anos o edificio foi caendo en total abandono e parte dos seus bens foron expoliados.
Sen tellado, sen posibilidade de ser visitado é hoxe un dos casos máis dolorosos no panorama da conservación do románico galego.
Os veciños e veciñas que foron bautismados na pía de San Paio quixeron dar testemuño do seu agarimo polo vello mosteiro. 
16 rostros, 16 compromisos pasaron diante da cámara de Soledad Felloza e chaman por nós.

A eses 16 veciños que non queren ser testemuñas silenciosas e cómplices do fin de San Paio de Abeleda sumáronse as voces xenerosas de Ana Romaní, Afonso Vázquez-Monxardín, Mariña Pérez Rei, Quico Cadaval, Isabel Aguirre de Urcola, Miguel Ángel González, Olga Novo, Bieito Iglesias, Anxela Gracián, Oscar G. Murado, Iria Fernández e Gualteria Pintos. 
Os textos de todos eles tamén chaman  por nós.

O Sorriso de Daniel quere lanzar un grito de alerta, poñer no mapa da destrución do patrimonio este lugar.
E farao coa apertura dunha exposición que se inaugurará o vindeiro domingo 2 de setembro á 1 do mediodía no entorno do mosteiro. 

Os veciños e veciñas puxeron todo: os rostros, os muros das casas e os peches das súas leiras para pendurar a exposición.
Nós só podemos facer unha cousa: acompañalos!

Vés ti tamén?

Arriba San Paio de Abeleda!


Cómo se chega? Na estrada que vai do Castro de Caldelas cara Monforte de Lemos é o primeiro lugar sinalizado neste mapa. 





Algunha xente virá dende Ourense ou por Ourense. Ao chegar ao centro do Castro de Caldelas atoparán unha indicación á esquerda que pon Mosteiro de San Paio polo mesmo camiño que a Monforte de Lemos. Seguímola!




Avanzamos 5km pola OU-903






E cando o contaquilómetros indique que xa avanzamos eses 5km iremos dar a unha curva moi pronunciada. Á nosa esquerda lémbranos que aínda faltan 20 km para chegar a Monforte de Lemos e que o Castro de Caldelas está 5km máis arriba.


Xusto aí á esquerda atopamos unha desviación coa indicación a Sta Tegra. Esa é a nosa!

Xa vos agardamos na beira ao pé da igrexa de Santa Tegra.

E aos que veñan de Monforte de Lemos pois o mesmo. Cuzan o Sil por Doade. Suben en dirección ao Castro de Caldelas e 5 km na mesma curva pronunciada a mesma desviación pero esta vez á dereita. Ide atentos!

O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.


quarta-feira, 13 de junho de 2012

Albeos: desesperadamente abandoado.

O pasado domingo 10 de Xuño realizamos a nosa VI Xeira Románica. 
Visitamos esta vez os restos de Casteláns en Mondariz-Balneario, A Franqueira, Fiaes e Paderne en Melgaço e... San Paio de Albeos.


Foi o horror que contemplamos en Albeos o que motivou esta carta que enviamos á Dirección Xeral de Patrimonio:


A Asociación O Sorriso de Daniel,


Expón:

Que esta asociación ten entre os seus obxectivos fundacionais

A)   Promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
B)    A difusión exterior e dentro do territorio da Autonomía galega deste patrimonio e, dun xeito moi sinalado todas as manifestacións da arte románica: arquitectura, escultura, pintura, artes suntuarias…
C)   O fomento do seu estudo e coñecemento.
D)   A transmisión do seu valor ás xeracións vindeiras.


Que unha das actividades que desenvolvemos con tal fin é a realización de Xeiras nas que visitamos edificios románicos, acompañados sempre de guías, que á vez son estudiosos de diferentes aspectos dos edificios visitados.

Que o pasado domingo 10 de xuño visitamos entre outros edificios as ruínas de San Paio de Albeos no Concello de Crecente.

Que as mais de 60 persoas que alí estabamos observamos con total desolación o abandono extremo no que caeu ese edificio.

Polo que solicitamos:

Que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio fagan unha inspección ao edificio para valorar en primeiro lugar se o grao de protección actual é o adecuado ou se unha modificación neste podería contribuir a mellor protexelo.

Que esta visita se faga co obxectivo de valorar se é posible unha intervención da Dirección Xeral de Patrimonio encamiñada a que o propietario, cos seus propios medios ou co apoio institucional que se determine, realice as intervencións que os técnicos recomenden para salvar os restos da súa desaparición absoluta.



Asdo.- Xunta Directiva de O Sorriso de Daniel

Á atención de D. José Manuel Rey Pichel.
Dirección Xeral de Patrimonio. Xunta de Galicia. 










Hoxe 12 de xuño entrou no Rexistro da Xunta de Galicia agardando que algún día se lle poña remedio a esta situación que parece imposible de frear.




O desastre está á venda por 300.000€ como se pode comprobar nalgunha páxina web
http://www.joyasinmobiliarias.es/detalle.asp?id_inmueble=117


Para saber máis de Albeos recomendamos entrar en
http://usc-es.academia.edu/MargaritaVazquezCorbal/Papers/349356/Los_vestigios_del_monasterio_de_Albeos_Notas_para_la_actualizacion_de_un_monumento_romanico_en_estado_de_abandono




O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.


segunda-feira, 11 de junho de 2012

Crónica da VI Xeira Románica. Xa lle fixemos as beiras ao Miño

As cousas empezan cando empezan. Pero cando empeza unha Xeira? Cando se publica a convocatoria? Cando O Sorriso de Daniel e o Instituto de Estudos Miñoranos pechan as listas de inscritos e xa sabemos que podemos ir? Cando os primeiros suben no autobús? 
Poñamos que a xeira empeza co primeiro avistamento románico. 


Daquela a VI Xeira románica empezou nos xardíns do Balneario de Mondariz cando Margarita Vázquez Corbal, diante do vello arco triunfal,  dixo "Románico á vista"... ou algo parecido.



Benvidos a Casteláns! Non. Non nos enganamos. O diminuto concello de Mondariz-Balneario alberga un enclave do veciño Covelo. Ben merecía ter privilexios de sede diplomática. Marga falou da súa fundación, da vella igrexa monasterial de Casteláns e a extensión do seus territorios, do seu traslado a Mondariz, de Peinador e de La Temporada... E ninguén se quixo sustraer a comentar a morea de pedras disposta para recibir o cascarón da ábsida ou a tea de arame que rodea os ventanais. Mesmo alguén dixo que uns ferros que suxeitan a xanela deberían ser sustituídos por outro material que ao oxidarse non provoque tantos danos na pedra. Hai alguén aí fóra?


Subidos no autobús (os que colleron no autobús, e os outros en coches particulares) fumos gabeando montes e comezando a nosa subida cara as terras altas da Franqueira. Segundo iamos subindo o sol ía agochándose e chegamos á Franqueira no medio dunha mesta brétema.


Marga detívose, para deleite de todos, na portada. Venite, Adoremus!
Pero non estabamos dispostos a quedar de portas a fóra e un tras outro fumos empurrando para ver a Nosa Señora da Franqueira sentada no seu altar. 
Fóra quedaban conspirando o escritor Bieito Iglesias e mais algún socio d´O Sorriso de Daniel. Do contido conspirador das súas palabras nada revelaremos. Algún día os ourensáns serán salvos.


Dentro houbo conversa demorada sobre as loitas entre o Bispado de Tui e os monxes que habitaban a casa da Franqueira. Falouse da Nosa Señora. Copia fiel de unha románica? e do vello e antigo costume de pasar por debaixo da pedra que a sustenta (pre-cristián?). Falouse da imaxe da Expectación da nave lateral, falouse das marcas de canteiros, dos mosteiros dúplices, do poder do Císter, dos bispos de Tui, houbo un recordo para Hipólito de Sá Bravo e a súas Rutas polo románico pontevedrés e alguén tivo que interromper para disgusto de moitos a conversa porque a cousa demoraba e había medo de incumprir o extenso programa. 


Curva a curva fumos chegando ao val. E no baixo, ante as ruinas de San Paio de Albeos, tocamos fondo.


"Je suis desolée"


As hedras facéndose fortes no alto, pedras amoreadas por todas partes, entullos que cobren os muros, dobres columnas e capiteis reusados nas casas veciñas, improvisados galpóns de uralita e plásticos pegados á fábrica medieval. E a xente da aldea saíndo a falar con nós. De onde saira tanta xente nunha visita tan inesperada? Parecían interrogarnos pero máis preguntas fixemos nós.


E mentres tanto o noso Presidente, Xan Rodríguez, parecía querer escoitar algunha mensaxe do Maiestas Domini.


Houbo xantar en Arbo. Vimos as lampreas. E cruzamos o Miño cara Melgaço. Subimos a ladeira cara a Peneda. Sube, sube, sube, chégase a Fiaes. Unha boa muller agardaba con paciencia por nós: os que chegan con retraso. E vimos Fiaes por dentro e por fóra.


Por atrás e por diante


E cando xa todos estabamos cun pé na Carrinha aínda Ana estaba collendo as últimas notas sobre o vello templo cisterciense que alberga o sepulcro de Fernao Eanes de Lima, pai do primeiro visconde de Vilanova da Cerveira. 
Algún día alguén transcribirá os Cadernos da nosa Ana Blanco e neles descubriremos a historia das Xeiras d´O Sorriso de Daniel.
Dixemos adeus a aquel mosteiro que tanto poder tivo que a ninguén se sometía e de alí a Paderne. Chegamos e a xente estaba a sair da misa grande. Era día de festa. Tamén o era para nós.
Dentro, un capitel agardábanos. Unha nova interpretación sobre o seu contido foinos confiada. Pero nada contaremos aquí. Agardaremos a que Marga lea a súa tese e daquela falaremos, claro que falaremos. Falaremos para dicir que fumos os primeiros en escoitar a súa novidosa reinterpretación. Ai Daniel!



E fóra despedímonos coa promesa de que haberá VII Xeira Románica.


Toda esa xente que aí vedes, e algunha que andaba perdida buscándolle as voltas á igrexa de Paderne, quedamos en débeda en primeiro lugar co Instituto de Estudos Miñoranos co que co-organizamos esta Xeira. Con Margarita Vázquez Corbal que nos axudou a mirar con ollos máis sabios. Cos concellos de Arbo, A Cañiza e a Câmara Municipal de Melgaço que fixeron todo o posible e o imposible para nos axudar. Cos Srs curas parrócos da Franqueira, -D. Javier-, de Fiaes -D. Manuel Domingues- e de Paderne -D. Jose Alberto Sousa- que nos abriron as portas das igrexas na hora xusta que nós precisabamos. E con todos e todas os que participaron da Xeira porque segue a parecernos un misterio que tanta xente se xunte co único interese de disfrutar do noso Patrimonio.




As xeiras románicas d´O Sorriso de Daniel se non existisen habería que inventalas! 
E Marga púxolle post-Data a esta crónica co envío destas vellas imaxes de Casteláns -cando aínda Casteláns estaba en Casteláns-. Prometérallo aos asistentes e cumpriu.