quarta-feira, 13 de junho de 2012

Albeos: desesperadamente abandoado.

O pasado domingo 10 de Xuño realizamos a nosa VI Xeira Románica. 
Visitamos esta vez os restos de Casteláns en Mondariz-Balneario, A Franqueira, Fiaes e Paderne en Melgaço e... San Paio de Albeos.


Foi o horror que contemplamos en Albeos o que motivou esta carta que enviamos á Dirección Xeral de Patrimonio:


A Asociación O Sorriso de Daniel,


Expón:

Que esta asociación ten entre os seus obxectivos fundacionais

A)   Promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
B)    A difusión exterior e dentro do territorio da Autonomía galega deste patrimonio e, dun xeito moi sinalado todas as manifestacións da arte románica: arquitectura, escultura, pintura, artes suntuarias…
C)   O fomento do seu estudo e coñecemento.
D)   A transmisión do seu valor ás xeracións vindeiras.


Que unha das actividades que desenvolvemos con tal fin é a realización de Xeiras nas que visitamos edificios románicos, acompañados sempre de guías, que á vez son estudiosos de diferentes aspectos dos edificios visitados.

Que o pasado domingo 10 de xuño visitamos entre outros edificios as ruínas de San Paio de Albeos no Concello de Crecente.

Que as mais de 60 persoas que alí estabamos observamos con total desolación o abandono extremo no que caeu ese edificio.

Polo que solicitamos:

Que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio fagan unha inspección ao edificio para valorar en primeiro lugar se o grao de protección actual é o adecuado ou se unha modificación neste podería contribuir a mellor protexelo.

Que esta visita se faga co obxectivo de valorar se é posible unha intervención da Dirección Xeral de Patrimonio encamiñada a que o propietario, cos seus propios medios ou co apoio institucional que se determine, realice as intervencións que os técnicos recomenden para salvar os restos da súa desaparición absoluta.



Asdo.- Xunta Directiva de O Sorriso de Daniel

Á atención de D. José Manuel Rey Pichel.
Dirección Xeral de Patrimonio. Xunta de Galicia. 










Hoxe 12 de xuño entrou no Rexistro da Xunta de Galicia agardando que algún día se lle poña remedio a esta situación que parece imposible de frear.




O desastre está á venda por 300.000€ como se pode comprobar nalgunha páxina web
http://www.joyasinmobiliarias.es/detalle.asp?id_inmueble=117


Para saber máis de Albeos recomendamos entrar en
http://usc-es.academia.edu/MargaritaVazquezCorbal/Papers/349356/Los_vestigios_del_monasterio_de_Albeos_Notas_para_la_actualizacion_de_un_monumento_romanico_en_estado_de_abandono




O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.


segunda-feira, 11 de junho de 2012

Crónica da VI Xeira Románica. Xa lle fixemos as beiras ao Miño

As cousas empezan cando empezan. Pero cando empeza unha Xeira? Cando se publica a convocatoria? Cando O Sorriso de Daniel e o Instituto de Estudos Miñoranos pechan as listas de inscritos e xa sabemos que podemos ir? Cando os primeiros suben no autobús? 
Poñamos que a xeira empeza co primeiro avistamento románico. 


Daquela a VI Xeira románica empezou nos xardíns do Balneario de Mondariz cando Margarita Vázquez Corbal, diante do vello arco triunfal,  dixo "Románico á vista"... ou algo parecido.



Benvidos a Casteláns! Non. Non nos enganamos. O diminuto concello de Mondariz-Balneario alberga un enclave do veciño Covelo. Ben merecía ter privilexios de sede diplomática. Marga falou da súa fundación, da vella igrexa monasterial de Casteláns e a extensión do seus territorios, do seu traslado a Mondariz, de Peinador e de La Temporada... E ninguén se quixo sustraer a comentar a morea de pedras disposta para recibir o cascarón da ábsida ou a tea de arame que rodea os ventanais. Mesmo alguén dixo que uns ferros que suxeitan a xanela deberían ser sustituídos por outro material que ao oxidarse non provoque tantos danos na pedra. Hai alguén aí fóra?


Subidos no autobús (os que colleron no autobús, e os outros en coches particulares) fumos gabeando montes e comezando a nosa subida cara as terras altas da Franqueira. Segundo iamos subindo o sol ía agochándose e chegamos á Franqueira no medio dunha mesta brétema.


Marga detívose, para deleite de todos, na portada. Venite, Adoremus!
Pero non estabamos dispostos a quedar de portas a fóra e un tras outro fumos empurrando para ver a Nosa Señora da Franqueira sentada no seu altar. 
Fóra quedaban conspirando o escritor Bieito Iglesias e mais algún socio d´O Sorriso de Daniel. Do contido conspirador das súas palabras nada revelaremos. Algún día os ourensáns serán salvos.


Dentro houbo conversa demorada sobre as loitas entre o Bispado de Tui e os monxes que habitaban a casa da Franqueira. Falouse da Nosa Señora. Copia fiel de unha románica? e do vello e antigo costume de pasar por debaixo da pedra que a sustenta (pre-cristián?). Falouse da imaxe da Expectación da nave lateral, falouse das marcas de canteiros, dos mosteiros dúplices, do poder do Císter, dos bispos de Tui, houbo un recordo para Hipólito de Sá Bravo e a súas Rutas polo románico pontevedrés e alguén tivo que interromper para disgusto de moitos a conversa porque a cousa demoraba e había medo de incumprir o extenso programa. 


Curva a curva fumos chegando ao val. E no baixo, ante as ruinas de San Paio de Albeos, tocamos fondo.


"Je suis desolée"


As hedras facéndose fortes no alto, pedras amoreadas por todas partes, entullos que cobren os muros, dobres columnas e capiteis reusados nas casas veciñas, improvisados galpóns de uralita e plásticos pegados á fábrica medieval. E a xente da aldea saíndo a falar con nós. De onde saira tanta xente nunha visita tan inesperada? Parecían interrogarnos pero máis preguntas fixemos nós.


E mentres tanto o noso Presidente, Xan Rodríguez, parecía querer escoitar algunha mensaxe do Maiestas Domini.


Houbo xantar en Arbo. Vimos as lampreas. E cruzamos o Miño cara Melgaço. Subimos a ladeira cara a Peneda. Sube, sube, sube, chégase a Fiaes. Unha boa muller agardaba con paciencia por nós: os que chegan con retraso. E vimos Fiaes por dentro e por fóra.


Por atrás e por diante


E cando xa todos estabamos cun pé na Carrinha aínda Ana estaba collendo as últimas notas sobre o vello templo cisterciense que alberga o sepulcro de Fernao Eanes de Lima, pai do primeiro visconde de Vilanova da Cerveira. 
Algún día alguén transcribirá os Cadernos da nosa Ana Blanco e neles descubriremos a historia das Xeiras d´O Sorriso de Daniel.
Dixemos adeus a aquel mosteiro que tanto poder tivo que a ninguén se sometía e de alí a Paderne. Chegamos e a xente estaba a sair da misa grande. Era día de festa. Tamén o era para nós.
Dentro, un capitel agardábanos. Unha nova interpretación sobre o seu contido foinos confiada. Pero nada contaremos aquí. Agardaremos a que Marga lea a súa tese e daquela falaremos, claro que falaremos. Falaremos para dicir que fumos os primeiros en escoitar a súa novidosa reinterpretación. Ai Daniel!



E fóra despedímonos coa promesa de que haberá VII Xeira Románica.


Toda esa xente que aí vedes, e algunha que andaba perdida buscándolle as voltas á igrexa de Paderne, quedamos en débeda en primeiro lugar co Instituto de Estudos Miñoranos co que co-organizamos esta Xeira. Con Margarita Vázquez Corbal que nos axudou a mirar con ollos máis sabios. Cos concellos de Arbo, A Cañiza e a Câmara Municipal de Melgaço que fixeron todo o posible e o imposible para nos axudar. Cos Srs curas parrócos da Franqueira, -D. Javier-, de Fiaes -D. Manuel Domingues- e de Paderne -D. Jose Alberto Sousa- que nos abriron as portas das igrexas na hora xusta que nós precisabamos. E con todos e todas os que participaron da Xeira porque segue a parecernos un misterio que tanta xente se xunte co único interese de disfrutar do noso Patrimonio.




As xeiras románicas d´O Sorriso de Daniel se non existisen habería que inventalas! 
E Marga púxolle post-Data a esta crónica co envío destas vellas imaxes de Casteláns -cando aínda Casteláns estaba en Casteláns-. Prometérallo aos asistentes e cumpriu.