terça-feira, 14 de fevereiro de 2012

Crónica da V Xeira Románica. Na procura do románico de Lucus Augusti

Xentes que viñan de Vigo, de Pontevedra, da Coruña, de Ourense, de Santiago de Compostela, de Sada, de Ordes, de Vilagarcía de Arousa, de Brión, de Catoira, de Sarria, de Cambre, de Coles, de Castroverde, da Baña, de... déronse cita  ás 10.30h diante da facultade de Veterinaria de Lugo.
Xa estaban alí para recibilos os que serían os nosos guías: Carola e Casimiro.
Alguén que pedira puntualidade británica chegou cun retraso que nos permitiu intuir que era británico-xibraltareña. A desculpa a habitual: o desencontro co navegador do coche.
O frío non o mencionaremos. O Románico extremo é para ánimas esforzadas.

Era día de Santa Baia e collimos o Camiño Primitivo cara Santa Baia de Bóveda.
Primeiro privilexio: os domingos Santa Baia de Bóveda non abre. Pero Casimiro -o guía habitual do monumento- perdeu amablemente a mañá do domingo en acompañarnos e guiarnos.
 Casimiro, gardés e guía de Santa Baia, fala para o grupo de O Sorriso de Daniel.

E Santa Baia abriuse e, coma sempre que sucede tal cousa, foi unha festa entrar naquel lugar cheo de interrogantes feitos con verdes de Verona e no que se poden ver os trazos felices coutados na Pontata e na Giornata.
O grupo de asistentes á V Xeira escoita as explicacións de Carolina Casal

Carola tirou o caderno do peto, para non esquecer ningunha teoría, ningún dato. E foi de moita axuda.
Hai tanto que contar!
Casimiro falounos da cámara bufa, de mananciais, das drenaxes e de tantas cousas que sabe. Sábeas porque traballa alí e sobre todo porque lle quere a Santa Baia e porque hai moito tempo participou na elaboración da planimetría de algunha das campañas de recuperación do monumento.

No frío buscabamos desesperados unha raiola de sol mentres falabamos de iconografía, de Ceres e de Isis, das distintas etapas construtivas, da descuberta do edificio e das perdas que se produciron nos suscesivos desentullos...

A conclusión resúmese en tres palabras: Quod nihil scitur.

Casimiro explicando ante a porta de acceso

Non sabíamos que sobre as nosas cabezas misaba naquel momento na actual igrexa parroquial D. Nicandro Ares. Soubémolo cando subimos a recoller das mans de D. Manuel as chaves de San Miguel de Bacurín. Algunhas páxinas nos ten dado D. Nicandro sobre a Diócese de Lugo.

Trala longa conversa subimos a onde estivo o segundo corpo do edificio e tivemos un momento para lembrar o bo traballo de Manolo Gallego Jorreto e de César Portela.

Na zona alta, onde estivo o segundo corpo do edificio.

Fumos ata a oficina de Turismo e demos grazas pola caloriña e polo que alí puidemos ver. Dentro queixámonos do pouco que se coñece Santa Baia en Galicia e falamos de que hai que insistir na necesidade de coidalo e de difundir o seu extraordinario valor.

A quén lle insistimos? hai alguén aí fóra?

Dentro da oficina de turismo.

Fúmonos da aldeíña de Santa Baia, tan coidada... Que bo exemplo para copiar!

E fixemos o camiño polos vieiros fermosos que discorren entre as dúas parroquias.

Descubrimos o interior da igrexa de San Miguel de Bacurín.

 O grupo disfrutando dos privilexios da chave que D. Manuel nos deixara.

Tivemos a tentación -coma sempre- de mover o retablo para ver o que oculta. Tentacións non faltan nunca nas Xeiras Románicas de O Sorriso de Daniel.

Columna da xanela da ábsida oculta tras o retablo.

 Falamos da talla dos capiteis do arco triunfal, finísima. Tan fina que ao mellor nin se fixeran no obradoiro da igrexa. Falamos da vía Tolosana e do movemento dos talleres de canteiros.

Capitel do muro sur.

 Buscamos cos ollos e as mans a decoración sogueada e/ou perlada da Portada Occidental.

Na Porta occidental

Recoñecemos o estilo lugués dos tímpanos bilobulados na porta sur.

Porta Sur

A éxtase chegou na ábsida.


Empezamos a escoitar as hipóteses sobre o plan iconográfico. Ulo? Cal sería? Hai sempre plan iconográfico? Estamos a tempo de descubrilo antes de que o paso dos anos esvaia a talla? E todos a mirar para Carola e para Sonia para poder ver con ollos máis sabios. E Carolina e Sonia a pedir un escaleiro para mellor ver os canzorros e os capiteis...


Deixamos atrás San Miguel de Bacurín, e o seu camiño Primitivo e voltamos á cidade de Lugo a xantar.
E despois de xantar produciuse o encontro coa vella Sé Catedralicia á que nos achegamos pola porta de Santiago. Benditas as mans que limparon o seu rostro.

E aí comezou a visita guiada por D. César Carnero.

O grupo de O Sorriso de Daniel ante a Fachada da Catedral

Que sexa o Delegado de Patrimonio da Diócese o que nos guiase seguramente é un privilexio que non mereciamos. Pero que sen dubidar aproveitamos. Subimos as escaleiras do Pazo Bispal para mellor ver a traza da xirola, asomámonos á piscina recentemente descuberta por detrás da cabeceira. E entramos á Catedral pola fachada norte. Por onde senón o podía facer O Sorriso de Daniel?

Na porta norte da Catedral, baixo o Pantocrator.

D. César levounos directos á Capela Maior. Os andamios acaban de ser desmontados e vimos que coa limpeza das pinturas da bóveda hoxe a de Lugo é unha "Catedral a ceo aberto".

Capela Maior da Catedral de Lugo

Falouse da sorte que é poder ver a sillería de Moure colocada non seu lugar de orixe.
Falouse das proporcións das naves, dos usos do triforio. Falouse dos magníficos retablos de Cornelius de Holanda e fumos saudar a Nosa Señora dos Ollos Grandes na súa maxestuosa capela.
E sempre D. César coas chaves na man.

D. César Carnero explicando a ampliación da Nave.


Saímos ao Claustro e quedáronnos os ollos prendidos no frontal de Saamasas.

Fragmentos do frontal de Saamasas.

E de alí de volta ás naves da Catedral. Ao fondo unha luz chamaba por nós. Seguímola e levounos á porta do Museo Diocesano.
O Grupo percorre a nave polo seu lado sur.

Un podería ir ex-profeso ao Museo Diocesano aínda que máis non fose que para ver o Crismón de Quiroga pero, na imaxinería que garda, hai pezas que poden facer a felicidade de calquera "devoto da arte románica".
O feito de estaren as pezas no Triforio dende logo aumenta o interese da visita.
E escoitamos de Carolina o que nunca pensamos que oiríamos. Dixit Carolina "esta peza non sabemos de qué expolio provén". Esvarou verbalmente Carola pensamos todos. Ela tan partidaria de musealizar! Algúns de nós sempre coa teima de que o románico rural se vexa no rural cando isto sexa posible...
Dúas correntes dentro da asociación que algúns pensarán que son irreconciliables e que a nós nos aportan máis horas de alegre conversa que momentos de total desencontro.

E as Virxes mediaveis, os Cristos románicos, a pequena lámpada votiva prenderon nos nosos ollos.

Visitamos a magnífica sacristía barroca e vimos que no barroco non é ouro todo o que reloce e onde menos se espera pode haber un tímpano románico reutilizado.

Entrada á Sacristía.

Cruzamos novamente á ala norte na procura da exposición que comisariaron D. César Carnero e Carolina Casal e que estaba na capela do Pilar.

E a bandeira de Galicia -sempre tan pegada ao emblema da diócese de Lugo- cubriunos a todos. Tivemos saudade do báculo de San Martiño de Mondoñedo, oímos o estrondo da francesada en Monforte de Lemos e sorprendémonos coa pedra negra que foi ara da Capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes.
E entre todas estas cousas a grande e impresionante custodia de Sáenz de Buruaga. Alí estaba. Posta á altura dos nosos incrédulos ollos. Aquí un anel, alá unha pulseira, máis arriba un colgante. Sempre a devoción luguesa engarzada por finas mans no receptáculo que alberga a Sagrada Forma en exposición permanente.


E tras recoller os catálogos da exposición Hoc Hic Mysterium... O esplendor da Presenza marchamos ás présas porque a noite caera. O camiño de volta para a casa era moi longo.

Despedímonos de D. César -con quen quedamos en débeda publicamente recoñecida- e de Carolina a quen agradecemos sempre o seu apoio e entrega con esta asociación. Queda tamén dito.

E fúmonos re-pensando as verbas do Evanxeo de Lucas que Monseñor Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo, cita no catálogo:

Benaventurados os ollos que ven o que vós vedes!