sexta-feira, 2 de março de 2012

Polo reagrupamento do Patrimonio Mateano!






Porque estamos a favor do reagrupamento do Patrimonio Mateano na Catedral de Santiago enviamos un burofax á presidenta da Fundación Francisco Franco pedíndolle que deposite no Museo da Catedral as dúas pezas que ten e que no seu día saíron do Pórtico da Gloria.
Resgardo do burofax enviado o 29 de febreiro e acuse de recibo o 1 de marzo
E dicíamoslle así:


Á atención de Dna Carmen Franco Polo
Presidenta da Fundación Nacional Francisco Franco
Avda de Concha Espina 11, 2º
28016 Madrid

Galicia, febreiro de 2012

A Asoción do Patrimonio Medieval O Sorriso de Daniel é unha asociación cultural que figura inscrita no Rexistro de Asociacións Culturais co número 2010/014212-1 

Son os nosos fins 
A)    Promover, defender, estimular e apoiar a conservación do Patrimonio Medieval Galego
B)    A difusión exterior e dentro do territorio da Autonomía galega deste patrimonio e, dun xeito moi sinalado todas as manifestacións da arte románica: arquitectura, escultura, pintura, artes suntuarias…
C)    O fomento do seu estudo e coñecemento.
D)   A transmisión do seu valor ás xeracións vindeiras.

O pasado 22 de xaneiro asistimos a unha visita ao Museo da Catedral de Santiago onde nos agasallaron cun catálogo da Exposición Domus Iacobi. Esta exposición foi promovida pola Catedral compostelana e contou co apoio do Consorcio de Santiago, o Gobierno de España, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, así como coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela. No catálogo puidemos contemplar as dúas magníficas tallas pétreas que, provenientes da Catedral de Santiago, hoxe en día están en poder da súa familia.

Na nosa asociación temos como norma non escrita falar pouco ou nada de política. Non son as ideas políticas de cada un de nós as que nos xuntaron para reivindicar o valor do románico galego. Polo tanto tampouco o faremos con vostede, nin trataremos de abordar unha posible discusión sobre a lexitimidade o non da súa actual posesión. 

A observación das dúas fermosísimas pezas fíxonos reflexionar unha vez máis sobre a necesidade de que o patrimonio, sempre que sexa posible, poida ser contemplado no entorno máis inmediato para o que foi creado.

Estas dúas pezas, hoxe separadas, forman parte do rico tesouro escultórico que a man do Mestre Mateo deixou na Catedral de Santiago. O conxunto, concibido como tal, creado como tal, e durante centos de anos custodiado como tal, debe chegar ás xeracións vindeiras na medida do posible agrupado. A Catedral de Santiago e o seu magnífico Museo, -e nisto seguramente poderemos concordar-, son lugares que non ofrecen ningunha dúbida sobre a idoneidade para acoller estas pezas, xa que de ela saíron.



O Pórtico da Gloria, conxunto do que foron extraídas no seu día, merece o esforzo que agora vimos propoñerlle.

É por isto que nos atrevemos a propoñerlle que con motivo desta celebración do 800 aniversario, e como remate senlleiro a este aniversario, estas pezas sexan entregadas para a súa custodia ao Museo da Catedral e reintegradas definitivamente a esta Sé.

Atentamente
A Xunta Directiva de O Sorriso de Daniel.
As pezas fotografadas no catálogo da exposición Domus Iacobi.
Breve cronoloxía
1188-1211. As dúas pezas tállanse no obradoiro do Mestre Mateo para o conxunto do Pórtico da Gloria.


1933. Fermín Bouza Brey localiza as pezas nun pazo da Ulla propiedade do Conde de Ximonde, D. Santiago de Puga y Sarmiento, e sitúa o seu traslado a este lugar no século XVIII da man de D. Pedro María Cisneros y Castro.


1947. Unha Comisión integrada por D. José Daporta, D. Antonio Asorey e D. Jesús Carro aconsella a compra das dúas pezas por parte do Concello de Santiago de Compostela a quen lle foran ofrecidas polo Conde de Ximonde.


1948. O Concello de Santiago merca as pezas coa condición de que nunca saísen de Santiago de Compostela.


1961. Na exposición El Arte Románico organizado polo goberno español baixo os auspicios do Consello de Europa figuran xa como propiedade de Francisco Franco e  depositadas no Pazo de Meirás.





Así temos noticia pública por primeira vez, no ano 1961, de que as pezas pasaron á propiedade de Francisco Franco.

E así se conta a historia destas pezas no texto extraído do Catálogo da Exposición Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago.



Abraam e Isaac?
Ca. 1188-1211
Granito
Procede da fachada occidental da Catedral

Antonio López Ferreiro foi o primeiro en chamar a atención sobre a decoración escultórica da fachada exterior do Pórtico da Gloria, referíndose ás dúas magníficas pezas que representan a David e mais a Salomón e que se asoman ó Obradoiro desde o peitoril da escalinata da fachada.
Bouza Brey, en 1933, publica un artigo sobre dúas figuras do Mestre Mateo que, propiedade do Conde de Gimonde, D. Santiago de Puga y Sarmiento, se atopaban  “á entrada da casa petrucial mentada, dando frente ô Patio de armas que ten diante”, en referencia á casa que o devandito conde posuía na zona do Ulla, veciña a Compostela. O propio Bouza consideraba que estas imaxes debían de ter sido trasladadas a aquel lugar no último terzo do século XVIII por D. Pedro María Cisneros y Castro, que, naquela época, ostentaba devandito título nobiliario e, ademais, era “home de inquietudes intelectuais”. No seu artigo o mencionado autor realizaba unha descrición polo miúdo de cada unha das pezas e logo as identificaba como obras do Mestre Mateo e pertencentes “unha a cada banda da Porta principal da Basílica, na parte externa”, sinalando, finalmente, que poderían “representare persoajes da Antiga Ley”.
Nunca se volveu saber nada destas poezas ata que, como afirma o profesor Yzquierdo Perrín, en 1947, o Concello de Santiago de Compostela, en dúas sesións plenarias, propón, por iniciativa do Alcalde D. Joaquín Sarmiento, a adquisición das esculturas, que lle foran ofrecidas polo seu propietario. Para estudar esa compra, o Concello nomea unha comisión integrada por D. José Daporta, D. Antonio Asorey e D. Jesús Carro, que presentan os seus informes por separado e fan fincapé no gran valor das pezas e na comenencia de adquirilas para a cidade, valorándoas en 60.000 pesetas. A única condición imposta polo Conde de Gimonde para a súa venda, en tan vantaxoso prezo era que “nunca poderían saír desta cidade, pois esta venda ten como obxecto de enriquecer coas referidas estatuas o patrimonio municipal de Santiago de Compostela”. Finalmente, as obras foron compradas con cargo ó orzamento de gastos municipal en xuño de 1948, constando na cláusula terceira do documento notarial que “condiciona D. Santiago Puga Sarmiento a venda expresada a que as estatuas que son obxecto desta permanezan indefinidamente no patrimonio do Excmo. Concello de Santiago de Compostela, de maneira que, se por calquera circunstancia estas estatuas saísen do patrimonio municipal (…), a Corporación Municipal deberá indemnizar a cantidade de catrocentas mil pesetas”.
As imaxes estiveron colocadas nas escaleiras do Pazo de Raxoi durante algúns anos pero na exposición sobre arte románica, celebrada en 1961, apareceron como “Propiedade da Súa excelencia o Xefe do Estado. Pazo de Meirás”, desde onde se trasladarían á súa actual sé permanente na coruñesa Casa de Cornide.
O profesor Yzquierdo sinala, no seu estudo sobre a fachada exterior do Pórtico da Gloria, que estas pezas pertenceron, indubidablemente, á citada obra, cunha montaxe similar á das estatuas columna da parte interior, e considera que, con outras pezas que sumarían cando menos seis –catro que se conservan máis unha da que existe unha cabeza e a que, necesariamente, faría parella con esta, completarían a mensaxe do conxunto do Pórtico da Gloria.

O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.