segunda-feira, 10 de março de 2014

San Paio de Abeleda. Despois da cicloxénese ven a movida.

A sucesión de cicloxéneses deste inverno remataron por tirar ao chan parte da exposición Arriba San Paio de Abeleda. Así que había que citarse novamente para recolocala e alá fumos.

San Paio de Abeleda non ten xanelas, non ten tellado, e para algúns -Dirección Xeral de Patrimonio incluída- non ten importancia. Así que tampouco ten cronista. Pero se o tivese onte tería escrito unha páxina ben fermosa. Ás once da mañá chegou o que Antonio -o noso presidente- deu en chamar o equipo de mantemento de O Sorriso de Daniel, que de contado se puxeron a limpar e recolocar os carteis da exposición que o vento e a chuvia arrastraran polo chan.
Ao pouco chegou Iria, acompañada de Xes e de Xan. Iria ten un proxecto entre mans: facer un documental sobre San Paio de Abeleda. Viña facer un recoñecemento do lugar e cando se deu conta xa estaba limpando os carteis da expo. Viña para saber a qué arrecedía San Paio e xa non puido marchar ata que o sol caía por detrás dos montes que rodean o Val da Abeleda. Algo ten de máxico este lugar.

A xornada continuaba e os traballos tamén. As visitas comezaron chegar. Primeiro un grupo de catro visitantes que viñan de Valladolid e Madrid acompañados por dous amigos galegos que ata alí chegaron. Preguntaron por qué os carteis só estaban en galego. Nós temos fácil a contestación: no tempo do románico esa era a única lingua na Galiza. O certo é que non están noutras linguas porque non temos cartos para imprentalos en tantas como quixeramos: alemán, castelán, catalán, euskara, francés, inglés, italiano e chinés mandarín por suposto. 
De alí a nada xa apareceu Pancho dos Amigos do Museo Arqueolóxico de Santo Antón da Coruña. Andaba preparando unha xeira que farán o vindeiro 6 de abril e que incluirá unha visita a San Paio. O noso agradecemento por diante a todos os que programan visitas de grupo a San Paio. Charlaron con Maite e concordaron cómo facer para se encontrar coas chaves. Parece ser que con eles subirá tamén Breogán o arqueólogo de San Vitor de Barxacova que logo os recibirá en Parada de Sil.
Xa perto da hora de xantar chegaron Manolo e Carme. Son os propietarios da Casa de turismo rural Caserío da Castiñeira de Montederramo. Manolo preside ademais a Asociación de Casas Rurais da Ribeira Sacra. No seu día el trazou unha ruta que pasa por San Paio. Xa quedamos para traballar conxuntamente e ver cómo facer un deseño que pase por todos os lugares máis directamente vencellados ao mosteiro. Así que xa podedes facer entreno porque máis cedo que tarde convocarémosvos para andar polas terras da Abeleda. E hai algunha costa, por algo está rodeada de socalcos.
Xantamos unha vez máis na Casa da Asociación Cocas e Danzantes de Santa Tegra e pola tarde, aínda non nos déramos conta, e xa estaba chegando un numerosísimo grupo da Asociación de Amigos de Santa Mariña de Augas Santas. Encheron a igrexa coa súa curiosidade.


Visitaron a exposición en grupos. Uns atraídos polos textos, outros polas fotografías.
E arremuiñáronse tamén arredor do seu "Comandante Ramón Seara" para escoitar a súa documentadísima introdución ao mundo de Sampaio.

Á volta tiñan pensando visitar o Castelo de Castro Caldelas pero non tiveron tempo porque a estancia foise demorando na descuberta colectiva da beleza de San Paio, entre explicacións e preguntas que pedían máis explicacións aínda.


Durante o día por alí estivo a Sra Victoria, que foi a primeira porta que se nos abriu en San Paio cando alá chegamos hai xa tres anos. Viñeron tamén os moradores do Pazo do Couto co seu meniño Andrés que viña unha vez máis ver o que naquel lugar levantaran os seus antepasados. Estivemos coa Inés, que nos emprestou o escaleiro para recolocar a exposición, con Manolo o presidente da Asociación de veciños, con José Antonio que coida  a parte do mosteiro á que nós non temos acceso e ata veu o Sr Claudio que como el dixo "Vin tantos coches que dixen vou alá que non sei se pasaría unha desgracia en San Paio".
Por sorte enganouse o Sr. Claudio. En San Paio o que pasou é que xa non hai lugar para o esquecemento e a nugalla.
Non si Xan?

Pode o Presidente de O Sorriso de Daniel e Maite, a gardesa das súas chaves, falar con confianza no adro dos días que están por vir en San Paio de Abeleda.
E poden estar intranquilos os que agardan que esquezamos o noso compromiso con este vello e abandoado mosteiro.
Fai ou non fai falla un cronista para relatar tanta vida en San Paio de Abeleda?