segunda-feira, 19 de maio de 2014

Crónica da IX xeira románica

Chegou o 18 de maio e despois de perdernos -uns máis e outros menos- polas estradas do Baixo Miño a xente foi chegando á igrexa de San Vicenzo de Barrantes.
 

Ao pé da ábsida Marga Vázquez Corbal comezou as súas explicacións.  Comezaba o festival de canzorros!

No interior cada un poñía os ollos alí onde máis interese tiña.

No adro falamos das pezas que están tiradas no chan e que formaron parte da fábrica románica. Marchamos en canto puidemos porque a música atronadora da megafonía da igrexa facía difícil que nos entendesemos.

E de alí fumos para Santa María de Tomiño. Isaac púxose no cruce por se algún despistado se lle daba por ir en dirección contraria. Enchemos a igrexa cos nosos comentarios e preguntas e Marga atendendo a todos e a todas.
No interior deixamos ás súas Donas rezando no seu capitel no lado da epístola fuxindo do pecado porque a vida dentro do mosteiro pode ser difícil pero fóra hai tantas tentacións para a salvación da alma!

 Na porta fixemos coro para admirar cada detalle, cada filigrana, cada capitel e para evocar xuntos o noso pasado común con Portugal.
Contornando a  ábsida, velaí o Agnus Dei que miraba para nós preguntando quen sería semellante tropa.
Chegamos a Rebordáns. Non se creerá pero houbo ata gaiteiros na porta da igrexa! Hai que dicir que se debía, non tanto á nosa visita como a que se celebraba un bautismo. Estivemos por pedirlles aos pais que lle trocasen o nome previsto ao bautizado e lle puxesen Daniel.  Pero de contado comezamos a ficar maravillados coa máis antiga igrexa da contorna. San Bertomeu de Rebordáns como nos gustas!
 Falouse de San Martiño de Mondoñedo e de Habacuc e do pecado da luxuria...
E de súpeto, D. Avelino tíñanos gardada unha sorpresa. Abriu unha gradicela no chan e ¡veña, que podedes baixar á cripta! E alí saiu o nome de Chamoso Lamas e as súas excavacións para atopar as raiceiras do vello Rebordáns.
 Correndo, correndo marchamos para Pexegueiros. Non queriamos que o Sr. José, o sacristán, se fartase de agardar e fechase a porta sen que nós chegasemos. Alí estaba o tímpano de Pexegueiros para lembrarnos que nada dura eternamente.
 E mentres Marga explicaba Carola poñíase a traballar. A medir a pía e fotografala debidamente.

 Cada vez tiñamos máis fame e os bóvidos da porta sur viron sair a unha chea de sorrisos con destino Tui.
Un salón moi ben adubidado agardaba por nós no restaurante A Esgalla. Toda unha sala con tres longas mesas que de seguida se encheron.
E de alí a Ganfei. Se en Rebordáns había bautismo en Ganfei tivemos que agardar un chisco a que saíse un enterro e fumos espallándonos polas naves da grande igrexa mosteiral. En Ganfei predomina a talla XXL.
 Arredor de Marga sempre un remuíño de xente
De Ganfei cara Friestras. Esa xoia no medio do monte agardaba por todos nós. Non sabe un se emociona máis a ubicación, as proporcións do edificio ou as tallas dos seus numerosísimos e voluminosos canzorros.
Ao pé da porta o dedo de Marga acusaba: Velaí a peza reaproveitada no tímpano. Falamos dos diferentes criterios das Restauracións, a un lado e ao outro do Miño. Falamos tamén da desamortización, dos xesuítas, de Coímbra...
Facéndolle as voltas á igrexa de Friestras aló fumos contando e recontando eses emoticonos medievais que son os canzorros das nosas igrexas: aquí un león, alí unha águia (ou será unha pomba?), do outro lado un mono, un contorsionista, un rostro humano, un fieito ou unha forma xeométrica que nos lembra os modillóns de rollo. Tantas, tan diversas, tan fermosamente talladas...




No interior houbo tempo para que Luz Méndez nos fixese dar un paseo pola toponimia da xornada.
  

E cando xa algúns se foran tomamos a decisión de que había que facer unha foto para lembrar que as xeiras  son un agasallo que imos seguir facéndonos a nós mesmos e aos que se queiran arrimar.

Cando as xeiras son tan cumpridas o cansazo é moito e nin folgos quedan para facer unha crónica. 
Ata a próxima e moitas grazas aos que nos axudastes a que esta IX Xeira xa non se nos esqueza máis nunca.