domingo, 8 de junho de 2014

San Paio de Abeleda precisa máis traballo

En San Paio de Abeleda o verán pasado fixemos moito. Este verán queremos facer máis.

Cando queremos comezar?
O vindeiro domingo 15 de xuño convocamos unha xornada de limpeza?

Qué queremos limpar?
O campo de San Paio, lugar de acceso ao mosteiro, e espazo no que se celebraban as festas da parroquia.

O adro da igrexa, onde repousan os homes e mulleres que viviron nesta parroquia


O interior da igrexa que ve como o tempo non pasa de balde

O espazo que antes ocupaba a sacristía.


E este ano hai máis! moito máis!
Somos sabedores de que no medievo un mosteiro era moito máis que as catro paredes que hoxe conservamos. Por iso este verán queremos descubrir de vagar o vello Couto do mosteiro de San Paio.

Nunha andaina por estas terras buscaremos xuntos as vellas adegas do mosteiro, a fonte dos frades, a ponte medieval sobre o río do Batán  que comunicaba o couto do mosteiro coas terras da Teixeira, a ponte cabalar que salvaba o Edo, o lugariño de Soutelo onde hoxe se agocha a pía bautismal de San Paio, o Pazo do Couto, antes altivo e poderoso, o lugariño de Santiurxo onde houbo unha capela da que ninguén se lembra -non sendo os vellos documentos que o contan-, a carreira do romeu que nos leva ata a fonte de augas sulfurosas, a fervenza de Cachón...

Son recunchos dunha parroquia que explican ben cómo viviron durante centos de anos aqueles que fixeron chegar a nós o mosteiro de San Paio de Abeleda.

Nos carreiros medraron as silvas, nas beiras dos valados as estrugas e tanta e tanta maleza que aproveitou o éxodo cara as cidades para se apropiar das vías de comunicación.

Axúdasnos a recuperar a memoria do Couto de San Paio? Ven o domingo 15 de xuño e traballaremos xuntos para que este ano poidamos facer a I Andaina polo Couto do mosteiro de San Paio.

Qué precisamos? pouco máis que gañas de traballar, ven ben calzado e ven vestido para tal fin, e se traes algunha ferramenta mellor. Serán útiles as tesouras de recortar setos, as de podar, os angazos, as forcadas...

A qué hora quedamos? Domingo 15 de xuño ás 10.30h da mañá.

Onde xantamos? xantaremos na casa da asociación de veciños Cocas e Danzantes pero cada un debe levar a súa comida.

Qué pasa se non teño coche e quero ir? manda un correo a osorrisodedaniel@gmail.com. Tentaremos acomodarte con alguén.

Debo avisar de que teño pensado ir? Por favor envía un correo osorrisodedaniel@gmail.com para que poidas planificar mellor o traballo en función da xente que se apunte.

A previsión do tempo? Disque vai facer bo tempo. Pero non lle collades medo á calor porque por sorte este ano temos moita zona sombrisa para traballar.

O De-Ambulatorio Románico
d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.