segunda-feira, 7 de julho de 2014

Primeira Andaina polo Couto do Mosteiro de San Paio de Abeleda

O sábado 12 de xullo imos coñecer o Couto do Mosteiro de San Paio de Abeleda. Queres vir?
Un mosteiro é moito máis ca unha igrexa e as dependencias onde durmían os frades.

Un mosteiro é a adega na que se facía o viño.
Un mosteiro é o cárcere onde se retiña aos encausados -porque si, podía impartir xustiza-.
Un mosteiro son os pasais, as pontellas e as pontes polas que se comunicaba co mundo que había arredor do couto, máis alá dos regueiros e os ríos que mollaban as súas terras.
Un mosteiro son os muíños onde se moía o centeo, o trigo, o millo... 
e que agora se perden na espesura
Un mosteiro é tamén o pazo dos Sres que tiñan o poder de nomear abade
E si, ábrennolo. Por moito que digan os de Turgalicia que non é visitable ;-) poderemos ver o seu patio cos seus escudos -algúns con inscripcións en galego- e tamén a súa capela cos seus santiños que viñeron de San Paio cando a diócese clausurou a igrexa como parroquia. 
Voltaron á casa de quen os mandara facer e alí agardan por nós.

Un mosteiro son os innúmeros camiños polos que a súa xente foi e veu nos últimos 1.000 anos
E moitas cousas que nos vos queremos amosar aínda...
Como a Capela de Soutelo, a igrexa de Santa Tegra, a fervenza de Cachón, a ponte medieval de Lumeares. Queredes vir?

Para anotarvos enviade un correo electrónico co asunto Primeira Andaina a osorrisodedaniel@gmail.com.
Precisamos os vosos nomes e apelidos, tfno de contacto e máis os vosos correos. Os que vos anotedes verémonos no mosteiro de San Paio ás 10.30h do sábado 12 de xullo

Que máis vos fai falla?
Bo calzado, que  hai zonas esvaradizas, un pau ou un bastón tamén é recomendable, e o xantar. Se podedes traede dúas bolsas: a da comida poderemos deixala na igrexa do mosteiro ao fresco para non cargar con ela, e outra con bebida para o camiño. Din que o tempo virá caluroso pero moito do percorrido faise por zonas con moita arboreda e ao pé de ríos.

Andaremos bastante pero a dificultade non é moita. Ánimo!

Donativo para a organización: 2€ por persoa.