sexta-feira, 26 de junho de 2015

A esta festa está convidado, Conselleiro!

O 26 de xuño o almanaque di que é día de San Paio. E as festas son festas se a alegría se comparte. Así que lle enviamos convite ao Conselleiro de Cultura. Na véspera, e por rexistro, entrou no edificio administrativo de San Caetano en Santiago este convite.




Estimado Sr Conselleiro:
O 26 de xuño ducias de parroquias que en Galicia están baixo a advocación do neno mártir de Albeos (Crecente) celebran a súa festa grande.
En San Paio de Abeleda (Castro Caldelas) esa festa non se pode celebrar. Hai máis de corenta anos que a parroquia foi clausurada e a súa igrexa, un magnífico exemplar do románico da Ribeira Sacra ameaza ruína, xa desteitada e cos muros desprotexidos. Seguramente nalgún caixón da súa consellería haxa unha carpeta que garde as nosas queixas e as dos seus veciños sobre esta lamentable situación.
Para nós o 26 de xuño segue a ser un día para facer festa en San Paio de Abeleda e é por iso que lle enviamos unha botella dun famoso viño –fíxoo famoso o Presidente Obama cando o escolleu para facer un brinde recentemente- que se cría nos socalcos do val da Abeleda. Na etiqueta poderá ver a imaxe do mosteiro, moito máis amable que a contemplación das súas ruinas.
Esta semana comunicounos a súa secretaria que posiblemente puideramos entrevistarnos con vostede proximamente, á espera desa entrevista enviámoslle este agasallo para que o 26 de xuño tamén vostede poida dicir ARRIBA SAN PAIO DE ABELEDA!
Un cordial saúdo
A Xunta Directiva de O Sorriso de Daniel